Oza dos Ríos
Concello da comarca de Betanzos, situado no O da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-L da provincia da Coruña ( 43° 13’ de latitude N e 8° 10’ de lonxitude O). Limita ao N cos concellos de Betanzos e Coirós (comarca de Betanzos), ao L cos de Coirós e Aranga (os dous da comarca de Betanzos), ao S cos de Curtis e Cesuras (comarca de Betanzos) e ao O co concello de Abegondo (comarca da Coruña). Abrangue unha superficie de 72,1 km 2 , en que acolle unha poboación de 3.203 h (2007), distribuída nas parroquias de Bandoxa, Cis, Cuíña, Mondoi, Oza, Parada, Porzomillos, Reboredo, A Regueira, Rodeiro, Salto e Vivente. A súa capital é Oza, na parroquia homónima, localizada a 30 km da cidade da Coruña e a 66 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á arquidiocese de Santiago e ao partido xudicial de Betanzos.
Xeografía física
O concello de Oza dos Ríos constitúe unha área de transición entre as superficies de aplanamento da meseta oriental coruñesa e as terras baixas das Mariñas. No seu interior distínguense dúas unidades de relevo: as terras chairas e as terras do S, cunhas altitudes máis elevadas. A parte máis setentrional encádrase na área das Mariñas e está sucada polos ríos Mero e Mendo nos seus cursos altos. Cara ao S, o relevo está formado por unha serie de chanzos topográficos que ascenden gradualmente cara ao monte do Gato (543 m) e o monte Penedo (526 m), onde se atopan as maiores altitudes do concello. Climaticamente, entra dentro do dominio oceánico temperado, xa que o seu réxime térmico é suave tanto no inverno coma no verán. A temperatura media anual é de 12,3°C, o mes máis frío é xaneiro con 8,2°C de media, os máis cálidos son xullo e agosto con 16,7°C e a oscilación térmica chega aos 8,5°C. As precipitacións son inferiores á media galega, con 876 mm anuais, dada a súa posición protexida que limita a influencia do mar. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno, co 33% do total anual, e outro no outono, co 28% e un mínimo no verán, cunha media do 12% do total que provoca un déficit hídrico estival de sobre os 100 mm/ano. Os ventos predominantes son do SO e no fondo do val son habituais as néboas. A rede hidrográfica está determinada polos ríos Mero e Mendo, ademais de pequenos afluentes que en conxunto dan lugar a unha densa rede de cursos de auga. Estes ríos descenden de S a N, desde os montes cara ao seu percorrido medio. Na vexetación natural atópanse tamén paisaxes distintas. Nas áreas máis meridionais, as máis altas, predominan os espazos forestais e os prados e pastos. Cara ao N a ocupación humana é máis intensa e a superficie ocupada pola vexetación é menor.
Xeografía humana
O concello tiña a comezos do s XX unha poboación de 5.475 h, que medrou ata 1950, cando con 6.359 h, acadou o seu máximo demográfico histórico. Un elevado crecemento vexetativo, sostido por unha alta natalidade, compensou sobradamente os movementos emigratorios do concello. Pero, desde 1950 ata 2001, a poboación descendeu ata constituír menos da metade. A crise demográfica iniciouse coa corrente emigratoria cara ás cidades próximas de Betanzos, Ferrol e, sobre todo, A Coruña, ademais de cara a Europa, nun momento no que o crecemento natural e a natalidade aínda eran altas. Pero a partir de 1970, ao caer a taxa de natalidade e xeneralizarse o proceso de éxodo rural, a poboación comezou a descender rápidamente. O descenso mantívose, e entre o censo de 1991 e o de 2001 o número de habitantes baixou nun 5,6%. Dende entón e ata 2007 descendeu nun 1,65%. A isto hai que engadir tamén un crecemento natural (2006) negativo (-11,8‰). A natalidade é moi baixa (5‰), e a mortalidade, por un proceso de avellentamento, bastante elevada (16,8‰). A estrutura demográfica amosa a realidade dunha forte perda de poboación e un proceso de avellentamento paralelo. A poboación ata os 20 anos representa só o 11,2%, mentres que os maiores de 65 anos ascenden ata o 30,3%: o grupo intermedio representa o 58,5%. A distribución por sexos reflicte un equilibrio: 50,45% de mulleres e 49,54% de homes. Os habitantes repártense por todas as pequenas entidades de poboamento e a cabeceira municipal só concentra o 3,3% da poboación.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) de Oza dos Ríos do 44,7%, (56,3% a masculina e 34,1% do feminino), a taxa de ocupación é do 40,5% (51% a masculina e 30,8% a feminina); e a taxa de paro é do 9,5% (9,4% a masculina e 9,7% a feminina). A estrutura do emprego amosa unha maioría a favor dos asalariados que representan o 56%. A distribución da poboación activa por subsectores económicos é bastante equilibrada. O sector secundario posúe o 33,1% da poboación ocupada distribuída entre o 18,3% da industria e o 14,8% da construción. O terciario é o sector que maior porcentaxe de poboación ocupa, o 47,6%, mentres que o primario acada tan só o 19,3%. A principal actividade económica realizada dentro do concello é a agropecuaria, pero a maior parte dos traballadores están empregados fóra, no sector secundario e terciario. O subsector agrario experimentou importantes melloras, cunha redución do número de explotacións, que aumentaron o seu tamaño medio por un proceso de concentración parcelaria. Trátase de explotacións de tipo mixto, nas que a agricultura se orienta á produción de forraxes para o gando bovino, fundamentalmente, e para o porcino. Tamén aumentou a proporción de explotacións dedicadas ao cultivo de produtos de horta destinados aos próximos mercados urbanos de Betanzos e A Coruña. Mantense a importancia das explotacións forestais nas áreas de monte cun destino madeireiro. A proximidade de áreas industriais, explica a porcentaxe desta actividade na estrutura do emprego, pois dentro apenas hai fabricas salvo algúns serradoiros e unha manufactura de parqués. A construción tamén se exerce fóra do concello aínda que na parte máis setentrional, a máis achegada a Betanzos, medra o número de segundas residencias que fomentan esta actividade. Non hai ningunha cabeceira de servizos importante, e o territorio entra dentro da área de atracción de Betanzos. Salvo os servizos máis básicos, a capital comarcal e a cidade da Coruña cobren as demandas terciarias deste concello. A principal vía de comunicación é a estrada provincial AC-540, Betanzos-Agolada, que cruza o concello de NO a SL.
Historia
Os restos máis antigos de poboamento do territorio datan de época castrexa, con castros como o de Bandoxa e o de Cis. Despois, a historia do territorio vencellouse á do mosteiro de San Salvador ou San Nicolao de Cis, fundado en 909 polos condes Hermenxildo e Paterna. A súa xurisdición coincidía coa área setentrional do actual concello e foi ampliada polo Rei Fernando I o Grande. No s XII pertenceu ao conde de Traba, Pedro Froilaz, e seguiu ampliando o seu territorio cara ás terras do contorno, ata que no s XV pasou a depender de San Martiño Pinario, e subsistíu ata a época carlista, cando foi incendiado. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello pertenceron a varias xurisdicións da provincia de Betanzos: Cis, Cuíña, Mondoi, Porzomillos, Salto e Vivente á xurisdición de Betanzos; Oza e Regueira á xurisdición de Oza, señorío do mosteiro de San Martiño Pinario; Bandoxa, Parada e Reboredo á de Parada, señorío do conde de Lemos; e Rodeiro á de Fervenzas, señorío de don Joseph Ramón Quiroga. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, que se concretou na creación do concello de Enxertados, do partido xudicial de Betanzos. A derrogación da constitución asinada polo Rei Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A recuperación do municipalismo produciuse en 1835, co nome de San Pedro de Oza. Daquela as parroquias eran as actuais agás Rodeiro, que se engadiu posteriormente, e desde entón non se produciron variacións nos seus límites parroquiais. En 1916 cambiou o nome polo de Oza dos Ríos.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, no eido da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais de San Nicolao de Cis, de estilo gótico, que pertencía ao antigo mosteiro de San Salvador de Cis e declarada BIC en 1981, a de San Pedro de Oza, de estilo románico (s XII), a de San Tomé de Salto (s XII), a de Santa María de Cuíña (ss XII-XIII) e a de Santa Cruz de Mondoi, tamén románica (s XII). Dentro da arquitectura civil destacan os pazos de Santa Cruz (Mondoi) e o de Paio (Oza), e a ponte Roibeira, do s XV. Do seu patrimonio natural destacan os espazos naturais do Encoro de AbegondoCecebre e de Betanzos-Mondeo, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que se celebran destacan as parroquiais do Carme en Oza, a do Santísimo Sacramento en Porzomillos e Cis, e as romarías de Nosa Señora de Belén en Rodeiro, a de Nosa Señora dos Milagres en Bandoxa en setembro e a de Santa Lucía en Oza en decembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Betanzos |
| Extensión | 72 Km2 |
| Poboación Total | 3203 h |
| Poboación Homes | 1587 h |
| Poboación Mulleres | 1616 h |
| Densidade de poboación | 44.49 h/Km2 |