Padrenda

Padrenda


Concello da comarca de Terra de Celanova, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no SO da provincia de Ourense. Limita ao N cos concellos de Pontedeva e de Gomesende (comarca de Terra de Celanova), ao L co concello de Quintela de Leirado (comarca de Terra de Celanova), ao S con Portugal e ao O co concello de Crecente (comarca da Paradanta) e con Portugal. A súa posición xeográfica é 42° 08’ latitude N e 8° 09’ lonxitude O. Abrangue unha superficie de 57 km 2 en que acolle unha poboación de 2.405 h (2007) distribuídos nas parroquias do Condado, Crespos, Desteriz, Monte Redondo, Padrenda e San Pedro da Torre. A capital do concello é San Roque, localizada a 40 km ao SO da cidade de Ourense e a 143 km de Santiago de Compostela. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Bande.
Xeografía física
Padrenda atópase nun territorio de transición entre diferentes unidades de relevo, en que existen agudos contrastes xeográficos entre a alta montaña e os vales. A parte máis occidental da serra de Laboreiro ocupa a metade meridional do termo, e é un conxunto montañoso que se eleva ata máis de 1.200 m e que culmina en Pena Rubia (1.277 m). Outras elevacións importantes son a serra de Basteira, 1.224 m; monte do Cabelo, 1.210 m; serra de Aguillón, 1.100 m; serra do Castelo, 1.030 m; e Costa Vella, 806 m. Fronte a esta área montañosa, a metade setentrional está composta polos vales dos ríos, que dan lugar a un descenso altitudinal de S a N. Climaticamente o concello entra dentro do dominio oceánico con matices de continentalización, debido á súa posición meridional e interior, cuns veráns calorosos e uns invernos fríos. A temperatura media anual é de 13°C, con xaneiro como o mes máis frío (6°C de media) e xullo como o máis quente (20°C), e cunha oscilación térmica de 14°C. As precipitacións están arredor dos 1.200 mm anuais, aínda que a localización xeográfica e a disposición do relevo dan lugar a variacións locais. O réxime pluviométrico ten un máximo no inverno e un forte déficit no verán. A rede fluvial do río Deva rexe o sistema hidrográfico de Padrenda, e entre os seus afluentes destaca o rego de Crespos e o Esmoriz. O río Troncoso, afluente do Miño, marca a fronteira con Portugal, e o propio Miño marca o límite municipal e provincial con Pontevedra. A vexetación natural é espesa e abundante e ocupa boa parte do territorio amosando unha gran variedade desde os pisos máis altos dos montes, formados por toxos e xestas, ata as especies propias das marxes dos ríos. As variedades vexetais autóctonas foron substituídas en moitas áreas por árbores de crecemento rápido, principalmente repoboacións de piñeiros. O concello conta cun espazo natural que forma parte das ribeiras do Miño.
Xeografía humana
O concello tiña ao comezo do s XX unha poboación de 4.142 h, que descendeu lixeiramente ata a década de 1940 debido a un primeiro proceso de emigración, que foi en parte compensado por un elevado crecemento vexetativo. Tras a pausa da Guerra Civil Española, e co peche das fronteiras, este aumento vexetativo fixo que no censo de 1940 se acadase o máximo histórico con 4.983 h, manténdose esta dinámica ata a década de 1950. Desde entón e ao longo da segunda metade do s XX a poboación municipal non deixou de baixar a un ritmo constante. A corrente emigratoria e o forte éxodo rural cara ás cidades e as vilas próximas foron despoboando o concello, pero foi nas derradeiras décadas do s XX cando se acelerou este descenso demográfico debido á caída da natalidade e a un intenso proceso de envellecemento, ao tempo que seguía o fenómeno do éxodo rural. Na variación intercensual entre 1991 e 2001 continuou a perda de poboación cun descenso do 11,24%, e os 2.405 h do padrón de 2007 constituíron a poboación máis baixa dos últimos cen anos. A causa desta crise demográfica un crecemento natural moi negativo -do -8,8‰-, debido a que a natalidade ten unha taxa de só o 4,4‰ e a de mortalidade ascende ao 13,2‰, feito que provoca unha estrutura demográfica cun alto grao de envellecemento. A poboación ata os 20 anos supón o 11%, mentres que os maiores de 65 anos representan o 37%; o grupo intermedio representa o 52%. A distribución por sexos amosa unha superioridade das mulleres, que constitúen o 50,85% fronte ao 49,14% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Padrenda do 35,9% (50,4% a masculina e 22,9% a feminina); a taxa de ocupación é do 28,5% (39,5% a masculina e 18,6% a feminina) e a taxa de paro do 20,6% (21,6% a masculina e 18,6% a feminina). O sector primario ocupa o 12,7% da poboación e o sector secundario o 29,7% (25,6% na construción e 15,1% na industria). O desenvolvemento comarcal de Terra de Celanova explica a importancia da construción como fonte de emprego, xunto co pulo das obras públicas, sobre todo grandes infraestruturas viarias da comarca, e a industria vese reducida a algúns serradoiros e carpintarías, reflexo da potencialidade madeireira da área. O tradicional sector económico, o agropecuario, segue a ser o principal para moitas economías familiares. Trátase de explotacións rurais dedicadas á produción de viño, o mantemento do armentío gandeiro porcino e a cunicultura, que se comercializa nos matadoiros de Celanova e Ourense. Tamén se mantén unha agricultura de subsistencia practicada a tempo parcial. O papel dos servizos é relativamente pequeno pois non hai ningunha área urbana en Padrenda, ocupa ao 46,6% dos ocupados. As relacións terciarias establécense con Celanova, cabeceira comarcal, coa próxima vila de Bande ou coa capital provincial. Soamente as necesidades máis básicas aparecen en Padrenda, así como unha actividade comercial, sobre todo ambulante e de carácter fronteirizo que se desenvolve en mercados periódicos. Ningunha vía de comunicación de alta capacidade atravesa o concello, e as relacións viarias establécense por estradas locais como a de Cortegada-Portugal.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos atopados datan de época megalítica. Existen ademais varios castros situados entre os ríos Barxas e Miño, e indicios de estaño explotable en época prerromana na mesma zona. Perpendicular á vía XVIII pasaba unha vía romana de carácter secundario con percorrido Pontedeva-Carreira-Pontebarxas, que xunto aos vestixios atopados de época romana, confirmarían o asentamento destes pobos neste territorio. Durante a época medieval, os seus territorios pertenceron á xurisdición de Milmanda, señorío do señor de Malpica, que administraba xustiza ordinaria e cobraba as rendas terrioriais. Tras a división municipal de 1835, constituíuse o concello de Padrenda, que durante o s XIX se denominou tamén Milmanda. Pertencente ao partido xudicial de Bande, integrouse na provincia de Ourense.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos, destacan as igrexas parroquiais de San Xoán de Monte Redondo, onde existiu un convento de bernardos; San Cibrán de Padrenda, Santa María do Condado e San Xoán de Crespos.Do seu patrimonio natural destacan os espazo da Baixa Limia, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as súas festas sobresae a romaría de San Mauro, celebrada en Crespos a mediados do mes de xaneiro.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Terra de Celanova
Extensión 57 Km2
Poboación Total 2405 h
Poboación Homes 1182 h
Poboación Mulleres 1223 h
Densidade de poboación 42.19 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias