Padrón
Concello da comarca do Sar, situado no extremo SO da provincia da Coruña, no O da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 14’ 23” de latitude N e 8° 39’ 56” de lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Rois (comarca do Sar) e Teo (comarca de Santiago), ao S con Pontecesures (comarca de Caldas) e A Estrada (comarca de Tabeirós-Terra de Montes), ao L con Teo e A Estrada e ao O cos de Rois e Dodro (ambos os dous na comarca do Sar). Abrangue unha superficie de 48,4 km 2 cunha poboación de 9.030 h (2007) distribuídos nas parroquias de Carcacía, Cruces, Herbón, Iria Flavia e Padrón. A súa capital é a vila de Padrón, que dista 82 km da Coruña e 22 km de Santiago de Compostela. É cabeceira de partido xudicial e as súas parroquias están adscritas á arquidiocese de Santiago.
Xeografía física
O concello aséntase sobre a Depresión Meridiana, corredor percorrido polo curso baixo do río Sar e flanqueado por escarpas de falla degradadas pola acción erosiva da auga. O río Sar nace preto de Santiago de Compostela e circula cara ao S instalado nunha fractura de orixe tectónica ata desaugar no Ulla, discorrendo por unha veiga moi ampla e completamente chá. Trátase dunha chaira de materiais sedimentarios aluviais moi fértiles de cronoloxía cuaternaria, aproveitada para o desenvolvemento da agricultura. Cara ao L érguense as maiores altitudes do concello: o monte Meda (451 m), o monte Lapido (432 m) e a Pena de Cruz (356 m), restos dunha antiga superficie achaiada do Terciario erguida ao mesmo tempo que se afundía o corredor tectónico meridiano. Ao O, en cambio, as escarpas da depresión acadan unha menor altitude. O Ulla ensancha o seu val a partir do monte Meda, xa moi preto da desembocadura, nunha área cuberta por sedimentos aluviais, onde o curso do río divaga e forma pequenas insuas. Este sector queda sometido á acción das mareas, pero a sedimentación acelerada do último século reduciu a súa influencia. O clima de Padrón encádrase dentro do dominio oceánico húmido e dentro das variedades galegas pertence ao subtipo do litoral das Rías Baixas. A proximidade da costa favorece unha benignidade térmica invernal, cun mínimo en xaneiro (9,1°C) e un máximo en xullo (21°C), cunha amplitude anual pouco acusada (11,9°C) e cunha temperatura media anual de 14,7°C. O risco de xeadas é pequeno e circunscríbese a decembro, xaneiro e febreiro. A humidade é notable pola posición favorable á entrada dos fluxos do O e especialmente do SO procedentes do océano, causantes de boa parte das precipitacións invernais da ría de Arousa. As precipitacións ascenden a 1.600 mm distribuídas entre 140 e 150 xornadas anuais de chuvia. O réxime pluviométrico mostra un claro máximo invernal das chuvias (37%), un máximo secundario en outono (29%), unha certa redución en primavera (25%) e un acusado descenso no estío (10%) que provoca problemas de aridez en xullo e agosto.
Xeografía humana
A poboación mostra unha evolución semellante á de gran parte dos concellos galegos. Así, presenta unha diminución demográfica desde 1887 (7.664 h) ata 1920, momento en que acadou o mínimo demográfico desde o primeiro censo moderno (7.148 h). Esta baixada poboacional estivo motivada na forza que acadou a primeiro movemento emigratorio cara a América, que non se deixou sentir en maior medida debido ao notable crecemento vexetativo que existía naqueles intres. A crise económica internacional derivada do desastre bursátil de 1929, a Guerra Civil Española e o bloqueo exterior de posguerra cortaron a vía emigratoria de xeito que a poboación aumentou entre 1920 e 1950 a un ritmo do 0,63% anual. A partir desa última data, abriuse de novo a posibilidade da emigración, primeiro cara a América, principalmente a Venezuela, e logo, a partir de 1959, aos países europeos máis desenvolvidos, de xeito que ata 1970 o colectivo demográfico padronés se reduciu un -0,24% cada ano. Tras a crise do petróleo de 1973, o ciclo económico negativo internacional cortou de novo as saídas vía emigración, circunstancia que unida ao desenvolvemento industrial e terciario do concello favoreceu a aparición do período demograficamente máis expansivo da vila, entre 1970 e 1991, que culminou no máximo demográfico histórico na última data con 10.147 h. A crise do sector dos curtidos que levou á creba a empresa Pieles y Curtidos SA (PICUSA), recuperada posteriormente, e que empregaba a máis de 500 traballadores, supuxo unha fonda crise económica en Padrón e a súa comarca, que se traduciu nun descenso demográfico no período intercensual 1991-2001 do -1,29% anual. Os comezos do s XXI marcan un incremento demográfico cifrado no 2,13% entre 2001 e 2007. A taxa de natalidade (2006), aínda que é das máis altas de Galicia (8,8‰), mantívose nuns valores cativos, insuficientes para favorecer un saldo vexetativo positivo (-0,4‰), froito dunha mortalidade en aumento (9,2‰) influenciada polo notable e progresivo proceso de avellentamento. Polo que respecta á estrutura demográfica por idades, o grupo dos menores de 20 anos supón o 16,6% da poboación, mentres que o de persoas de 65 ou máis anos ascende ao 19,7%; o grupo de adultos representa o 63,7%. Por secos dominan as mulleres : 51,96% fronte ao 48,08% de homes..
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Padrón é do 47,5% (64% a masculina e 32,6% a feminina); a taxa de ocupación é do 41,6% (57,8% a masculina e 27,2% a feminina) e a taxa de paro é do 12,3% (9,7% a masculina e 16,8% a feminina). Malia a contar cunha veiga moi fértil, tanto nas proximidades da vila como na parroquia de Herbón, e a existencia de cultivos baixo plástico moi produtivos, o sector primario só emprega ao 4,1% dos ocupados. A superficie cultivada ascende ao 29%, con cultivos como cereais, hortalizas, froiteiras, tubérculos e viñedo, pero a partir de 1970 deuse un proceso de especialización agrícola baseado no cultivo do pemento de Herbón. Ademais hai extensas áreas ocupadas por cultivos de recente aparición na comarca, como as flores baixo plástico ou os kiwis. Pese á importancia da superficie ocupada e ao valor económico que xera, a agricultura é practicada como actividade secundaria, a tempo parcial, por persoas que traballan na industria ou nos servizos. A importancia de certas actividades pesqueiras no Ulla (a temporada da lamprea, fundamentalmente) e a proximidade do mar explican que o 1,1% dos ocupados se dediquen a esta actividade. Padrón pode cualificarse como un concello industrial (28,6% dos ocupados traballan na industria) que rendibiliza os recursos endóxenos cunha diversificada gama de empresas, destacando o sector dos aluminios e o metal, unha conserveira de produtos do mar, o sector da confección, o da pedra e o da madeira (Financiera Maderera SA, FINSA). Pola súa banda, a construción tamén conta con empresas, que xeran o 14,7% do emprego. A relevancia terciaria da vila, que é cabeceira comarcal, incide en que este sector sexa o máis destacado (52,5%). Un factor importante na súa economía é a celebración dun mercado todos os domingos na vila de Padrón. As principais vías de comunicación existentes son a AP-9 con entrada e saída en Herbón, a estrada N-550 A Coruña-Tui, ademais doutras de menor entidade como a AC-550 Padrón-Ribeira, a AC-301, que leva a Lousame e Noia, e a AC-242 que vai a Pontevea remontando o curso do Ulla. No transporte ferroviario atravesa o concello a liña Vigo-A Coruña.
Historia
Os primeiros restos de ocupación humana datan de época castrexa, dos que destacan os castros da Rocha (Iria Flavia) e Valente. Existen certos indicios da presenza de gregos e fenicios, aínda que a presenza romana é a mellor documentada. A ocupación romana iniciouse en 192 a C e Iria Flavia foi un núcleo urbano destacado nese momento. O seu porto era un notable eixe comercial e nó de comunicacións viarias. O xeógrafo Claudio Ptolomeo no seu Itinerario Romano, fala de Iria Flavia como capital da tribo dos caporos e resalta a importancia comercial do seu porto, ao afirmar que era lugar de residencia de cónsules e pretores romanos. Coa dinastía dos Flavios acadou o estatuto de dereito latino e o rango de municipium, recoñecemento oficial como cidade romana. Foi tamén cabeza dunha das dioceses galegas ata o seu traslado a Santiago de Compostela baixo o goberno do bispo Dalmacio en 1095. Da presenza dos pobos visigodos quedan vestixios nunha basílica e unha necrópole baixo os terreos que ocupa a colexiata de Santa María de Iria Flavia. Co descubrimento dos restos de Santiago o Maior decaeu a importancia de Iria Flavia polo traslado da sé diocesana a Santiago de Compostela, circunstancia en que incidiron tamén os frecuentes ataques marítimos dos pobos nórdicos. A partir de entón o núcleo de Padrón comezou a destacar e medrar en detrimento de Iria Flavia. O nome do concello deriva do pedrón no que segundo a tradición amarrou a barca que atracou no Sar e que traía os restos do Apóstolo Santiago, que fora martirizado en Xerusalén. O pedrón é unha ara romana que se conserva baixo o altar da igrexa parroquial de Santiago de Padrón. O bispo Cresconio mandou construír no s XI o Castellum Honesti, ou torres do Oeste, como medio de defensa ante os ataques normandos e viquingos, feito que supuxo certa tranquilidade para a vila e a súa prosperidade nos séculos posteriores. O porto de Padrón, situado en Pontecesures, aparece documentado desde o s XII nomeado como porto de Santiago de Compostela ou porto do Apóstolo, e era un dos principais puntos do comercio marítimo da capital galega. Así, a vila medrou ao contar cun intenso tráfico de mercadorías vía marítima cos grandes portos de Flandres e Francia. Ademais era un lugar estratéxico para a defensa de Santiago de Compostela. No s XII o Rei Fernando II concedeulle o primeiro foro que se coñece. Durante o Antigo Réxime as parroquias organizáronse nas xurisdicións de Xiro da Rocha, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; Padrón, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela; e Quintá, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela e do convento dos agostiños de Santiago de Compostela. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Padrón e Carcacía, ambos os dous do partido xudicial de Padrón. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, e entón creouse o concello de Padrón. Mantivo conflitos administrativos co concello de Dodro pola administración do territorio e tívoo anexionado durante algúns anos. Desde 1877 non se produciron variacións nos seus límites territoriais.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, do seu destacan mostras de arquitectura relixiosa como a igrexa de Santiago de Padrón (s XII), o convento dominico do Carme de Padrón (s XVIII), o santuario de Santa María da Escravitude (s XVIII), a igrexa parroquial de Santa María de Herbón (s XII), declarada BIC en 1982; o convento de San Francisco de Herbón (s XIV) e a colexiata de Santa María de Iria Flavia (s XII) declarada BIC xunto co seu contorno (1975). Da arquitectura civil destacan a casa dos Cóengos (s XVIII), cunha parte do edificio destinado a sede da Fundación Camilo José Cela e outra ao Museo de Arte Sacra da Colexiata de Santa María de Iria Flavia; a casa do Concello (s XVIII); o Alfolí ou almacén do sal (s XII), que foi hospital de peregrinos; a casa da Matanza convertida en Casa-Museo de Rosalía de Castro e declarada BIC (1974), o pazo de Arretén (s XVI) e o pazo do Torre do Monte, declarado BIC (1994), ambos os dous en Iria Flavia; e o pazo de Vinculeiro en Extramundi de Abaixo (Padrón). Da arquitectura popular sobresae a ponte de pedra sobre o río Sarela e a fonte do s XVIII que se atopa aos pés do convento do Carme. Tamén hai que destacar o contorno da casa da Matanza declarado BIC (1977) e o Xardín da Vila de Padrón (BIC, 1946), de orixe decimonónica con deseño francés e con case 300 especies de plantas. Do seu patrimonio natural destaca o espazo do Sistema Fluvial Ulla-Deza, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as de Pascua celebradas no mes de abril, as do Corpus en maio, a romaría a Santiaguiño do Monte o 25 de xullo e a romaría de Nosa Señora da Escravitude en outubro, así como a Festa do Pemento de Herbón que se celebra o primeiro domingo de agosto e que foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia (2001).
Datos de poboación (2007)
| Provincia | A CORUÑA |
|---|---|
| Comarca | Sar, O |
| Extensión | 48 Km2 |
| Poboación Total | 9030 h |
| Poboación Homes | 4342 h |
| Poboación Mulleres | 4688 h |
| Densidade de poboación | 188.13 h/Km2 |
Parroquias
| Carcacía |
| Cruces |
| Herbón |
| Iria Flavia |
| Padrón |