paíño

paíño

(< pau)

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Ave mariña da familia dos hidrobátidos, de cor xeralmente negra, e que posúe tubos nasais no peteiro e non presenta diferenzas entre machos e femias.

    Sinónimos: aceiteira.
  2. paíño chuchagraxas [ANIMAL/ORNIT]

    Ave ciconiforme de 19 cm que presenta o corpo de cor castaña escura, a cola lixeiramente gallada e o peteiro e as patas de cor negra. Come moluscos, crustáceos e pequenos peixes. Cría nas illas atlánticas, pero a súa presenza en Galicia é accidental.

  3. paíño común/do mal tempo [ANIMAL/ORNIT]

    Paxaro ciconiforme de 15 cm, dunha cor moura e coa rabadilla branca, as patas e o bico de cor negra e a cola cadrada. Habita nos illotes e nos penedos do litoral, desde o golfo de Bizkaia ata Islandia, e nas illas e nalgúns puntos costeiros do Mediterráneo occidental. En Galicia pódese ver durante todo o ano, e aliméntase de peixes, plancto e residuos graxentos.

  4. paíño gallado [ANIMAL/ORNIT]

    Ave ciconiforme que acada os 20 cm e que presenta cor parda, a rabadilla branca, a cola fendida e o peteiro e as patas negros. Habita no Atlántico Norte e en Galicia, é unha especie invernante, pero non aniña na costa galega. Aliméntase de moluscos, crustáceos e pequenos peixes.

  5. paíño patiamarelo [ANIMAL/ORNIT]

    Ave ciconiforme de 18 cm, que presenta cola cadrada e o corpo negro, coas membranas interdixitais amarelas. Habita nos illotes e nos penedos do litoral. En Galicia a súa presenza é accidental.

Palabras veciñas

Painceiro | Paine, Thomas | Painlevé, Paul | paíño | painoso | Painter, William | Painuro