Palas de Rei
Concello da comarca da Ulloa, situado no centro da Comunidade Autónoma de Galicia e no centro-oeste da provincia de Lugo. A súa posición xeográfica é 42° 51´ latitude N e 7° 52´ lonxitude O. Limita ao N co concello de Friol (comarca de Lugo), ao L co de Guntín (comarca de Lugo) e Monterroso (comarca da Ulloa), ao S co de Antas de Ulla e Monterroso (comarca da Ulloa) e Agolada (comarca de Deza), e ao O cos de Melide, Santiso e Toques (comarca de Terra de Melide). Abrangue unha superficie de 199,7 km 2 cunha poboación de 3.667 h (2007), distribuía nas parroquias de Albá, Ambreixo, Augas Santas, Berbetouros, Cabana, O Carballal, Carteire, Coence, Covelo, Cuíña, Curbián, Felpós, Ferreira de Negral, Filgueira, Fontecuberta, Laia, Lestedo, Maceda, Marzá, O Mato, Meixide, Merlán, Moredo, Mosteiro de Devesa, Orosa, Palas de Rei, Pambre, Pidre, A Puxeda, Quindimil, Ramil, Remonde, Ribeira, Salaia, San Breixo, San Cibrao da Repostería, San Mamede do Carballal, San Miguel de Coence, San Xiao do Camiño, San Xusto da Repostería, Ulloa, Vilar de Donas e Vilareda. A capital está no lugar de Palas de Rei, na parroquia homónima, que está situada a 72 km de Santiago de Compostela e a 36 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao do partido xudicial de Chantada.
Xeografía física
O territorio repártese entre as terras do val do alto Ulla, o cordal montañoso da Dorsal Occidental Galega e o val do río Ferreira. A primeira das unidades esténdese polo SO, e acada altitudes medias comprendidas entre os 400 e os 550 m, suavemente basculadas cara ao SO. A Dorsal Occidental Galega esténdese de xeito descontinuo seguindo unha dirección NO-SL, cunhas altitudes arredor dos 550-700 m, de N a S sucédese a serra do Careón (Careón, 798 m; Castro, 708 m), a divisoria entre o Pambre e o Ulla, e os primeiros contrafortes da serra de Ligonde. Ao NL atópase o val do Ferreira, que acada unha altitude de entre 350 e 550 m. O concello repártese entre os dominios climáticos oceánico de montaña e oceánico continental. Está ao abrigo da influencia dos ventos mariños e condicionado por unha moderada continentalidade, factor que modula os seus rexistros termopluviométricos. A temperatura media anual é de 11,9°C, a media de xaneiro é de 6,8°C e a de xullo de 17,8°C, cunha amplitude térmica extrema que chega aos 20,2°C. A precipitación anual media é de 1.305 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que o 38% das precipitacións se recollen no inverno, fronte ao 11% no verán, quedando con valores medios a primavera co 25% e o outono co 26%. A hidrografía vén marcada pola conca do Ulla e do Ferreira. A primeira esténdese polo S e polo O, e o Ulla percorre o seu extremo meridional, tramo en que recibe as augas do Vilaxoán e do Pambre, os dous de dirección NL-SO, dos que destaca o segundo, que drena a vertente oriental da serra do Careón. O Ferreira nace en terras de Augas Santas e recolle as augas do río Santín. A vexetación autóctona de carballos e castiñeiros, mesturada con terras de labor e pastos, está ben representada, e os piñeiros e o mato limítanse ás terras máis altas.
Xeografía humana
A evolución da poboación é negativa, xa que a do censo de 2001 constitúe un terzo da que había en 1940, ano en que acadou o seu máximo demográfico, e distinguíronse dúas etapas, unha etapa anterior de crecemento máis ou menos rápido e outra de alarmante regresión demográfica. O s XX comezou cunha evolución positiva que se estendeu ata 1920, e que medrou a un ritmo cifrado no 1,46% interanual. Na década de 1920 produciuse un leve retroceso (-0,12% interanual), que abriu paso a unha nova etapa expansiva ao longo da década de 1930 (0,99% interanual). A partir de 1940 a poboación cambiou a súa tendencia radicalmente e entrou nunha fase de fortes e constantes perdas, especialmente entre 1940 e 1970, cando retrocedeu un -1,56 % anual, e entre 1981 e 1991 cun ritmo do -2,39 % inter--anual. Só houbo dous momentos en que, sen deixar de perder efectivos, houbo unha certa moderación: entre 1970 e 1981 (-0,27% interanual) e entre 1991 e 2001 (-1,23% interanual). O descenso continuou nos inicios do s XXI: -12,95% entre 2001 e 2007. Este comportamento tan negativo débese ás intensas emigracións das décadas 1950 e 1960, que deixaron unha poboación minguada por unha dinámica vexetativa abertamente negativa. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-12,6‰) a causa dunha baixa natalidade (5,6‰) e unha elevada mortalidade (18,2‰) que pon de manifesto o envellecemento da poboación, pois os menores de 20 anos só suman un 8,1 % e os de máis de 65, o 40,7 %; o grupo intermedio é do 50,7%. Por sexos a composición está lixeiramente desequilibrada a prol das mulleres: 50,96% fronte ao 49,03% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Palas de Rei é do 40,1% (51,2% a masculina e 29,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 35,8% (45,5% a masculina e 26,6% a feminina) e a taxa de paro é do 10,7% (11,1% a masculina e 10,1% a feminina). É un concello dependente da agricultura, xa que o 40,7% da poboación ocupada traballa neste sector. A superficie cultivada representa o 14,56% do territorio, onde predominan os cultivos forraxeiro. O gando é unha fonte de riqueza destacable. O 33,21% do seu territorio son prados e pastos, as vacas suman 10.512 cabezas (2007) e son lixeiramente máis numerosas as destinadas á produción de leite, e o gando porcino está destinado á reprodución (580 cabezas) e á ceba (6.100 cabezas, 2005). A industria é un sector pouco significativo e só o 10,4% da man de obra traballa neste eido, representado por pequenos talleres cun mercado que apenas supera o territorio local. A construción tamén ten escaso peso, só ocupa o 11,5% da man de obra que traballa nalgunha empresa de escasa entidade. Os servizos posúen unha presenza crecente, xa que o 37,1% da poboación traballa principalmente nos servizos da capital municipal, pero tamén noutras localidades como Lugo e Melide. A principal vía de comunicación é a estrada N-547, de Lugo a Santiago de Compostela, que se complementa coas estradas locais que unen Palas de Rei con Monterroso e Friol.
Historia
Os restos arqueolóxicos máis antigos pertencen ao megalitismo, do que destacan as mámoas de Fontecuberta ou as de Carteire. Atopáronse abundantes castros dos que destacan os de Albá na parroquia homónima, os de Camoira e Aurela en Augas Santas, o de Carteire na parroquia do mesmo nome, o de Galeira en Ulloa e o de Lestedo. Posteriormente os castros foron romanizados e a vía que ía de Lucus Augusti a Iria Flavia atravesou o territorio. O Camiño de Santiago atravesaba o territorio do concello de L a O e foi, durante séculos, un importante factor de desenvolvemento tanto para a vila como para as parroquias polas que pasa. Durante o Antigo Réxime o territorio estivo dividido nas xurisdicións de Augas Santas, señorío do conde de Monterrei; Ulloa, señorío do conde de Monterrei, compartido nalgunha parroquia co marqués de San Sadurniño, o conde de Andrade e outros señores; Carteire, señorío de varios fidalgos; Vilar de Donas, señorío do colexio de San Marcos de León; Vasadre, señorío de varios fidalgos e os coutos redondos de Érmola, Ferreira de Negral e Moredo. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio, e creáronse os concellos de Ulloa, Vilar de Donas e Augas Santas. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, e o territorio deste concello repartiuse entre os de Ulloa, San Paio de Narla, Terra da Orde e Ferreira de Pallarés, que estiveron vixentes ata 1840 cando naceu o actual de Palas de Rei, pertencente desde aquela ao partido xudicial de Chantada.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, da arquitectura relixiosa destacan, entre outras, a igrexa románica de San Salvador de Vilar de Donas, que foi declarada Ben de Interese Cultural (BIC) en 1931, a de San Martiño de Ferreira de Negral e a de Santa Mariña de Fontecuberta. Da arquitectura civil destacan os pazos de Ulloa en Curbián, a casa de Fontecuberta, a casa-torre de Moreira, o pazo de Meixide e o pazo de Laia. Sobresaen tamén o castelo de Pambre (BIC, 1994) e a torre de Quindimil (BIC, 1994). Da arquitectura popular destacan os hórreos de Cuíña e as pontes Ferreira, de orixe romana, e Mercede, de época medieval. Do seu patrimonio natural destaca o espazo da Serra do Careón, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 200. Das festas que se celebran no concello destacan as de San Tirso en Palas de Rei o 28 de xaneiro, as de San Cristovo o primeiro domingo de xullo, as de Ecce Homo o 14 de setembro e a romaría de Nosa Señora do Leite que se celebra en San Breixo os días 8 e 14 de setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Ulloa, A |
| Extensión | 199 Km2 |
| Poboación Total | 3667 h |
| Poboación Homes | 1798 h |
| Poboación Mulleres | 1869 h |
| Densidade de poboación | 18.43 h/Km2 |