Palau Palaos

Palau Palaos
Nome científico: [nome oficial ingl: Republic of Palau]

Estado de Micronesia, ao O das illas Carolinas (488 km2; 20.000 h [estim 2001]). A súa capital é Koror (12.299 h [1995]). Comprende un conxunto de illas de orixe volcánica e coralina. A súa economía baséase nos servizos, principalmente no turismo, no comercio e na construción, e os principais intercambios comerciais son de produtos agrícolas e alimentarios con EE UU e Xapón. O PNB por persoa é de 6.987 $. As linguas oficiais son o inglés e o palauano. A maioría da poboación é de raza palauana (74,5%), seguida dos filipinos (16%) e dos chineses (3,2%). A relixión maioritaria é a cristiá (36,9% católicos, 26,3% protestantes), aínda que tamén existen cultos propios (10,5%). A súa forma de goberno é unha república en libre asociación con EE UU. Palau goza de plena soberanía pero mediante un acordo de 1933, EE UU dirixe as relacións internacionais e a defensa. Segundo a Constitución do 1 de xaneiro de 1981, o poder lexislativo reside nun órgano bicameral denominado Olbiil era Kelulau (Congreso Nacional). Está formado por dúas cámaras, a House of Delegates, que conta con 16 membros elixidos por un período de 4 anos, ao igual que o Senate , formado por 9 senadores. O poder executivo exérceo o presidente da república, que tamén é presidente do goberno, elixido por un período de 4 anos. O sistema legal baséase nas leis consuetudinarias e non existen os partidos políticos. Forma parte das seguintes organizacións internacionais: Comunidade do Pacífico (PC) e ONU. As illas pertenceron á Coroa de Castela (1543-1899) e a Alemaña (1899-1914). En 1914 foron ocupadas polos xaponeses e, tras a Segunda Guerra Mundial (1945), quedaron baixo a administración estadounidense. En 1981 conseguiu unha independencia parcial e proclamou a república. O 1 de outubro de 1994 converteuse nun estado soberano recoñecido pola ONU, con Kuniwo Nakamura como presidente, que foi substituído no seu cargo por Thomas Remengesau Jr, en 2001.