paleografía
(< paleo + -grafía)
-
s
f
[PALEOG]
Ciencia que estuda as escrituras e os signos gráficos (formas, orixe e evolución) e a súa interpretación axeitada (lectura, datación e localización). O seu suxeito son os alfabetos e toda clase de escrituras desde a Antigüidade ata a época actual. O seu obxectivo primordial é a lectura e transcrición correcta do texto escrito, pero tamén a datación das escrituras en que non aparezan indicacións de tempo ou lugar. Como ciencia auxiliar, proxéctase sobre a codicoloxía, a diplomática, a papiroloxía, a epigrafía, a tipografía, a filoloxía, a edición de textos, a sixilografía, a numismática, a historia das ciencias e, en xeral, sobre calquera investigación histórica de primeira man que empregue fontes escritas. A análise paleográfica que se aplica ás letras e a outros signos gráficos para explicar a súa formación e evolución ten en conta os elementos que integran as letras, os seus elementos adventicios e os factores que as transforman. Dos primeiros destacan a forma, o módulo, o dutus, o estilo e o peso; e dos segundos o contraste, a inclinación, os reforzos, os alongamentos e os nexos. Asociados a estes hai factores de transformación da escritura, e entre estes factores derivados do acto humano da escritura están a velocidade -dado que a lentitude axuda á conservación das formas e a rapidez espontánea provoca a simplificación esquemática das letras-, e a súa inclinación, os alongamentos e os nexos, entre outros fenómenos propios do que se coñece como escritura cursiva. Ademais hai que contar entre os factores transformadores a natureza interna do texto, que require un tipo ou outro de escritura segundo sexan textos máis solemnes para uso público ou códices de luxo; ou ben para uso privado, que tenden á cursividade. Practicamente só as escrituras grega e latina admitiron un dobre alfabeto: maiúsculas e minúsculas. Se a aparición e a fixación da minúscula, como derivación dunha cursiva maiúscula ao cambiar a inclinación do soporte e o ángulo de escritura, eran coñecidas, pola contra non foron explicadas ata a súa aceptación e permanencia definitivas. A minúscula é unha simplificación de formas tan exitosa como estética, e o arredondado entre os trazos das letras permite unha execución máis rápida e unha interpretación máis doada. A imprenta permitiu a fixación definitiva das formas caligráficas (letra redonda) e cursivas (itálica), ao tempo que consagraba o uso combinado de maiúsculas e minúsculas. A terminoloxía que emprega para designar os diversos tipos de escritura segundo as épocas e as rexións adoita ser convencional e arbitraria. Dos sistemas de escrita máis estudados destacan o latino e o grego, pero tamén o hebraico, o sirio, o árabe e, máis recentemente, os de Extremo Oriente. A paleografía considera tamén outros grupos de signos gráficos non alfabéticos, como os sistemas numéricos, para expresar as cifras e os seus cálculos; os signos accesorios de escritura (puntuación, acentos, interrogantes, puntos diacríticos e de elisión); e os signos de expuntuación, cancelación ou remisión. As abreviaturas, a súa orixe, sistemas e normas, constitúen un capítulo moi importante da paleografía. Examínanse tamén os instrumentos de escritura: cicel, estilete, punzón, pincel, plumas de diversos tipos e materiais cortados de diversos xeitos cun canivete, lapis, etc. A escritura precisa dun soporte en que queda fixada, que pode ser de materias duras para as inscricións epigráficas, de papiro, de pergameo ou de papel. Estúdanse as tintas e as cores que se empregan, os accidentes que poden ocorrer durante o proceso de escritura, como correccións ou riscadas, e a utilización de pergameo palimpsesto ou reescrito. O estudo da paleografía comezou no s XVII e nel destacaron os monxes mauristas franceses, como Jean Mabillon, Bernard de Montfaucon, que creou o nome da ciencia coa súa Palaeographia graeca (1708); Tassin e Toustain; o italiano Scipione Maffei, ou os alemáns Gatterer e Schönemann. Ao grupo formado ao redor da École de Chartres débenselle importantes progresos, e nel destacaron Delisle, Mallon, o renovador da paleografía moderna; e Maricha. A escola alemá contou co grupo de Múnic: Wattenbach, Traube, Lehmann e Bischoff. Tamén destacaron os anglosaxóns Rand, Lindsay, Thompson e Lowe; ou os italianos Fumagalli, Schiaparelli e Batelli. Ademais, en época moderna cómpre salientar o labor da rusa Dobias-Rodzdestvenskaja e os españois García Villada e Millares Carlo. Contemporaneamente, os membros do Comité International de Paléographie publican por países un corpus de códices datados e localizados que permiten realizar con máis precisión a análise paleográfica. Destaca a revista belga Scriptorium, que nas súas monografías e no Bulletin codicologuique recolle a bibliografía internacional sobre paleografía e codicoloxía.
-
paleografía musical
[MÚS]
Rama da musicoloxía que se encarga da lectura, da transcrición e da interpretación axeitada dos antigos sistemas de notación musical anteriores á proporcional ou medida. Ten unha importancia especial no estudo do antigo canto litúrxico.