palilleiro -ra

palilleiro -ra

(< palillo)

s [ETN]

Persoa que tece e fai encaixes cos palillos. O seu traballo coñécese co nome de encaixe de Camariñas, aínda que este non é o único centro de produción pero si o de sona universal. Para desenvolver o labor, precísanse unha almofada e uns palillos. A almofada, que vai apoiada nun banco, está feita cunha armazón de dúas varas que sobresaen pola parte superior, un recheo e todo envolveito nunha tea, cosida polos costados e cabos, e ben tensada. Nun dos cabos dos saíntes das varas pendúrase un alfineteiro e unha pequena bolsa para gardar as tesoiras e agullas. Os palillos consisten nunha peza torneada de madeira de amieiro, buxo ou nogueira, duns 10 cm de longo, máis ou menos anchos dependendo do tipo de encaixe; na parte superior vai enrolado o fío con que se traballa. O primeiro paso nesta tarefa é facer un debuxo do encaixe nun cartón sobre unha trama cuadriculada. Feito o debuxo, pícase cun alfinete grande nos sitios onde se han cruzar os fíos. Da simetría e perfección do picado depende a calidade do encaixe. Logo, ponse o cartón na almofada e prepáranse os palillos, envolvendo os fíos neles e facéndolle un lazo para que non se desenrolen. Unha vez disposto todo, vaise enganchando o cabo de cada fío a uns alfinetes picados no comezo do cartón. Empézase a palillar, trenzando os fíos por pares, dous en cada man e mudando os alfinetes conforme se vai avanzando no traballo.Unha vez palillado o anaco do encaixe debuxado no cartón, recóllese para a parte de arriba e séguese deste xeito ata acadar a lonxitude precisa. Ao se rematar o encaixe enrólase nunhas pequenas táboas de madeira moi fina.

Palabras veciñas

Palikir | palilalia | palillar | palilleiro -ra | palillo | palimoco -ca | palimpsesto