Pambre, castelo de
Construción situada en Palas de Rei. Está realizada en cachotaría e cantaría de granito por Gonzalo Ozores Ulloa en 1378 e sitúase nun promontorio debido a súa función, inicialmente defensiva. Ten catro torreóns e está rodeada de foso e muralla. O acceso ao interior realizábase a través dunha ponte. No portón da entrada, un arco de medio punto, sitúase o escudo de armas dos Ulloa. Destaca a súa capela, de nave única e ábsida cuadrangular e a torre de homenaxe, cuberta con bóveda de canón e situada nunha das esquinas do patio central. Conserva outras torres tamén con ameas. Foi un dos poucos castelos que superou as Guerras Irmandiñas, aínda que posiblemente sufriu unha reforma no s XV. Perdida a súa finalidade defensiva e económica, a familia Ulloa aforouna a un particular en 1845. Foi declarado BIC en 1994.