panarabismo
(< pan- + arabismo)
Movemento político xurdido a finais do s XIX entre os países árabes que defendía a solidariedade e a cooperación entre eles, primeiro fronte á dominación turca e logo fronte á colonial. Unha vez disgregado o Imperio Otomán, o panarabismo culminou coa creación, en 1945, da Liga Árabe, encamiñada á salvagarda da independencia e á soberanía dos seus integrantes. Tras diversos intentos de unificación por parte dalgúns estados árabes e coas distintas actitudes adoptadas ante as Guerras Árabe-israelís, a integración dos países árabes volveuse cada vez máis difícil, obstaculizada polas enormes diferenzas entre os seus réximes políticos, as rivalidades rexionais, o problema palestino e os intereses enfrontados arredor da explotación do petróleo.