pantalla

pantalla
  1. s f
    1. Superficie que serve de obstáculo ou que intercepta determinados raios de luz ou doutra cousa.

    2. Obxecto, opaco ou translúcido, de vidro, metal, tea ou papel que se pon arredor ou ao lado dun foco de luz para dirixir a súa claridade cara a unha zona determinada, para difundila por todo un recinto ou para evitar que os raios luminosos molesten a vista.

  2. s f

    Persoa ou cousa que serve para ocultar ou protexer a outra con algunha finalidade.

  3. s f [ETN]

    Personaxe típica do Entroido de Xinzo de Limia. Descoñécese a súa orixe, pero inicialmente remítese ao medievo. O seu emprego festivo tivo unha paréntese durante os anos da guerra e reapareceu nos anos corenta. Os elementos que a compoñen son: máscara, capa, campaíñas, vexiga, polainas, calzón branco, camiseta fina e pano. A máscara ten dúas partes: o cucurucho e a carauta. O cucurucho faise cun molde especial e vai unido á parte correspondente da cara. É de cartón groso e de cor branca ou amarela. A carauta faise cun chapeu de feltro. A á deste chapeu, ao recortala, tamén se emprega para facer a forma do nariz, das cellas e unhas orellas que van pegadas á máscara. O feltro moldéase con papel pegado e engrudo e déixase secar para que quede duro e así poder darlle logo varias mans de pintura. As cores que leva a máscara son sempre as mesmas; rosa para a cara, e negro e vermello para o resto. No gorro ou cucurucho hai máis liberdade creativa. A capa é vermella, negra ou branca e reberetada de flocos ou mesmo fitas, agasallo de amigas. O calzón e a camiseta son brancos e no van, por riba da súa unión, leva unha faixa de cor vermella. As polainas cobren os zapatos, tamén de cor vermella. Os cintos son de coiro e levan pendurados axóuxeres e campaíñas ou cinzarras con tres fileiras dispostas paralelamente ao seu redor. Poden chegar a levar cincuenta e seis pezas pequenas. As pantallas levan unhas vexigas de becerro ou becerra nas mans, que se golpean e producen estrondos ao seu paso. Van en grupos bastante numerosos e facendo soar as campaíñas e axóuxeres. Cando encontran a algún coñecido, cólleno e méteno no bar máis próximo para que as convide a beber viño.

  4. [IMAX]
    1. s f

      Superficie branca, de material téxtil ou plástico, sobre a que se proxectan imaxes cinematográficas ou fotográficas. Poden ter concepcións e dimensións moi diversas, desde as pequenas pantallas portátiles para a proxección de diapositivas ou películas de 8 mm, ata as grandes pantallas empregadas no cinemascope, o cinerama e a vistavisión.

    2. pantalla panorámica

      Tipo de pantalla alongada e cóncava en que se proxectan as películas feitas en cinemascope.

  5. s f
    1. Superficie plana do televisor ou do ordenador que permite visualizar os datos que este subministran.

    2. [INFORM]

      Dispositivo que permite visualizar as imaxes ou os datos de saída que subministra un sistema informático. A pantalla máis utilizada nos sistemas de xeración de imaxes é o tubo de raios catódicos. As pantallas planas ou de acceso matricial son a súa principal alternativa, e están constituídas basicamente por unha placa de base illante (vidro ou cerámica) sobre a que hai unha rede de electrodos paralelos que atravesan toda a placa, unha superficie electroóptica na que se forma a imaxe e que cambia de aspecto cando é sometida a un sinal eléctrico axeitado e, finalmente, unha cuberta transparente de vidro ou sílice que illa a superficie electroóptica do exterior. As pantallas planas poden ser activas, se emiten luz, ou pasivas, se a absorben ou a refliten. Do primeiro tipo son a pantalla de plasma e a pantalla electroluminescente, e do segundo a pantalla de cristal líquido, os dispositivos electroforéticos ou os dispositivos electrocrómicos. Se a pantalla só permite a representación das letras e as cifras habituais denomínase pantalla alfanumérica, mentres que se permite a representación de figuras xeométricas en dúas ou tres dimensións é pantalla gráfica; se ten un teclado, unha táboa dixitalizadora ou un lapis óptico, denomínase pantalla gráfica conversacional ou interactiva. Ademais da distinción entre pantallas monocromas e de cor, poden diferenciarse varios tipos de pantallas segundo sexan de texto ou gráficas. Un mesmo monitor pode permitir a visualización de diferentes tipos de pantallas. O adaptador de pantalla correspondente pode substituírse facilmente para cambiar de estándar, pero os adaptadores multiestándar permiten un cómodo cambio de pantalla por software.

  6. [CONSTR]
    1. s f

      Elemento resistente vertical e de gran superficie.

    2. s f

      Muro de formigón armado soterrado que se construíu mediante unha escavación lineal.

    3. pantalla drenante

      Gabia profunda e estreita, que está rechea de grava e ten unha gradación de tamaños estudada para actuar como filtro e rebaixar o nivel freático do terreo, aumentando a velocidade de circulación da auga. Ás veces está dotada dun tubo lonxitudinal de fondo, poroso ou perforado, que facilita a evacuación rápida da auga.

  7. s f [FÍS]
    1. Reixa auxiliar de determinados tubos electrónicos, coma tétrodos ou péntodos.

    2. Superficie fluorescente dun tubo de raios catódicos, sobre a que se produce a imaxe visible.

  8. s f [ENX]

    blindaxe.

  9. efecto pantalla/de pantalla [FÍS]

    Nun núcleo de número atómico Z, diminución aparente da carga nuclear efectiva Ze (onde e é a carga do electrón) a causa do potencial de signo contrario causado polos electróns próximos ao núcleo, principalmente os da capa K.

  10. pantalla acústica [FÍS/TECNOL]

    Dispositivo ríxido sobre o que se fixa elasticamente un altofalante, destinado a aumentar o traxecto acústico efectivo entre a cara anterior e a posterior do altofalante. As súas dimensións inflúen de xeito diferente na reprodución do son segundo as frecuencias. Para asegurar unha boa reprodución das frecuencias baixas existe unha pantalla de grandes dimensións denominada pantalla infinita. Na práctica utilízase unha caixa acústica.

Palabras veciñas

Pantalasa | Pantaleoni, Maffeo | pantalioques | pantalla | Pantallón | pantalón | pantano