Pantón
Concello da comarca da Terra de Lemos, situado na provincia de Lugo no centro-leste da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 30’ 40’’ de latitude N e 7° 37’ 30’’ de lonxitude O. Limita ao N co concello do Saviñao (comarca de Terra de Lemos), ao L cos de Monforte de Lemos e Sober (ambos os dous na comarca de Terra de Lemos), ao S cos de Sober e Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense) e ao O cos de Carballedo e Chantada (ambos os dous na comarca de Chantada). Abrangue unha superficie de 143,2 km 2 , en que acolle unha poboación de 3.073 h (2007) distribuídos nas parroquias de Acedre, Atán, Cangas, Castillón, Deade, Eiré, Espasantes, Ferreira de Pantón, Frontón, Mañente, Moreda, Pantón, Pombeiro, Ribeiras de Miño, San Fiz de Cangas, San Vicente de Castillón, Santalla de Toiriz, Santo Estevo do Mato, Següín, Serode, Siós, Toiriz, Toldaos, Tribás, Vilamelle e Vilar de Ortelle. A súa capital está no lugar do Castro de Ferreira, na parroquia de Ferreira de Pantón, a 138 km de Santiago de Compostela e a 74 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Monforte de Lemos.
Xeografía física
Litoloxicamente, o relevo está dominado por rochas graníticas e metamórficas, a excepción do seu extremo oriental que está cuberto por materiais sedimentarios. As principais unidades de relevo son: ao L, o val de Lemos, con altitudes comprendidas entre os 300 e 400 m; os canóns do río Cabe, ao SL, o do Sil, ao S, e o do Miño, ao O, dominados polas fortes pendentes froito do profundo encaixamento a partir de procesos de antecedencia; e ocupando o centro e N do territorio, unha superficie chaira con altitudes comprendidas entre os 500 e os 600 m, pouco accidentadas ao N (San Cibrao, 659 m) e ao S (montes de San Paio, con cotas en San Paio de 687 m, Penapombeiro de 707 m e Ortelle de 671 m). Está situado na transición entre os dominios climáticos oceánico mediterráneo e oceánico continental. A alternancia entre vales profundamente encaixados e extensas chairas condiciona os rexistros termopluviométricos, de fortes oscilacións térmicas anuais e precipitacións relativamente baixas. A temperatura media anual é de 13,2°C, cunha media en xaneiro de 6,5°C e en xullo de 20,7°C, e unha amplitude térmica extrema que chega aos 25,7°C. A precipitación anual media é de 1.086 mm, cunha distribución estacional que amosa unha notable seca estival (8% das precipitacións), unha máxima no inverno (36%) e uns valores intermedios en primavera (27%) e outono (29%). A rede hidrográfica está dominada polos ríos Miño, Sil e Cabe, que discorren encaixados e represados nos encoros de Santo Estevo, no Sil, e Os Peares, no Miño. Destaca tamén o Ferreira, afluente do Cabe situado ao L do concello. A vexetación clímax está moi degradada debido á acción antrópica, predominando as terras ocupadas polo mato ou por especies de repoboación.
Xeografía humana
A poboación está dominada polas constantes perdas de efectivos que fixeron que en 2001 a súa poboación fose a cuarta parte da de 1900, cando acadou o máximo demográfico do s XX con 12.988 h. Entre 1900 e 1920 viviu anos de moderada perda demográfica (-0,27% interanual), acelerada entre 1920 e 1930, ano en que o censo caeu un -1,68%. A década de 1930 rexistrou un crecemento interanual de 0,57%, pero deseguida volveu ser negativo: primeiro de xeito moderado (-0,73% interanual entre 1940 e 1950), e logo dunha maneira máis visible (-1,50% interanual entre 1950 e 1991). A década final do s XX seguiu a estar dominada pola recesión poboacional, pero a un ritmo máis pausado (-1,34% interanual). Entre 2001 e 2007 o descenso situouse no -8,02%. A constante emigración con destino a Monforte de Lemos, Ourense e Vigo despoboou un concello sometido a unha gran presión demográfica. En 2006 o saldo vexetativo foi amplamente negativo (-19,8‰) pois a natalidade é moi baixa (3,2‰) e a mortalidade moi elevada (23‰) que evidencua un avellentamento moi acusado: os menores de 20 anos só suman o 7,8% e os de máis de 65 anos o 45,2%; o grupo intermedio representa o 47%. A distribución por sexos está desequilibrada a prol das mulleres, que supoñen o 52,58% da poboación municipal fronte ao 47,41%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Pantón é do 32,2% (41,2% a masculina e 24% a feminina); a taxa de ocupación é do 27% (34,3% a masculina e 20,3% a feminina) e a taxa de paro do 16,2% (16,7% a masculina e 15,4% a feminina). O sector primario ocupa o 27,6% da man de obra. A superficie cultivada limítase ao 19,71% do territorio, onde destaca a importancia dos cultivos en bancais con viñedos. Os principais cultivos son os forraxeiros, seguidos do viñedo, cuxa produción está acollida á Denominación de Orixe Ribeira Sacra, e a pataca. A superficie destinada a prados e pastos constitúe o 16,94% do territorio. A industria ocupa tan só o 15,1% dos traballadores, pois non existen establecementos industriais de relevancia. A construción dá traballo ao 15,4% do emprego, frecuentemente na veciña vila de Monforte de Lemos. Os servizos ocupan o 41,9% da poboación traballadora, en especial na vila do Castro de Ferreira e en Monforte de Lemos. As principais vías de comunicación son a N-120, de Logroño a Vigo, e a vía rápida CRG-22, de Monforte de Lemos a Lalín, complementadas pola estrada local que une O Castro de Ferreira con Escairón.
Historia
Os primeiros restos arqueolóxicos pertencen á época castrexa, como os castros de Quende e o de Ude en Pión da Serra, o de Busnugueiras en Pantón, os de Guítara e Santa Mariña en Eiré, e o da Cova de Ouro en San Fiz de Cangas. Na época medieval hai que destacar a construción de numerosos cenobios entre os ss X e XII, que se converteron en centros da cultura europea que chegaba polo Camiño de Santiago. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o actual concello de Pantón estiveron repartidas entre as xurisdicións de Atán, Vilar de Ortelle, señorío do bispo de Lugo; de Moreda, señorío do conde de Lemos; o couto redondo de Frontón, administrada polo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil; o couto redondo de Pombeiro, señorío do mesmo mosteiro; Eiré, señorío do Real Hospital de Santiago de Compostela; Sober, administrada polo conde de Amarante; Couto Vello, señorío do conde de Lemos; e Toiriz, rexida por varios fidalgos. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a implantación da administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación dos concellos de Eiré e Doade, ambos os dous no partido xudicial de Monforte, e San Vicente de Pombeiro, pertencente ao partido de Quiroga. En 1822 os tres concellos integráronse na nova provincia de Lugo. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a Constitución de 1812 polo que se suprimiron estes concellos e se restaurou o réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835; a maior parte do territorio permaneceu no concello de Moreda, agás algunhas parroquias que pertencían aos concellos de Couto Vello, O Saviñao e Sober, todos no partido de Monforte. Esta fragmentación territorial cesou en 1840, cando se creou o actual municipio de Pantón, desde entón incluído no partido xudicial de Monforte de Lemos.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos mencionados, destacan as igrexas románicas de San Fiz de Cangas (BIC, 1979), San Salvador de Eiré e San Vicente de Pombeiro, Santo Estevo de Atán, dos ss XII-XIII, (BIC, 1975) e a igrexa do antigo mosteiro do s XII de San Miguel de Eiré (BIC, 1964), ademais do mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón do s X, declarado BIC en 1975. Da arquitectura civil sobresaen os pazos de Ferreiroá, Goián e Reguengo, e da arquitectura militar, o castelo de Masid ou de Ferreira de Pantón e a Torre de Bastide, ambos os dous declarados BIC en 1994. Do seu patrimonio natural destacan os espazos naturais Canón do Sil e o río Cabe, declarados Lugares de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Entre as festas que teñen lugar no concello destacan as romarías do Regueiro e das Augas Santas, ademais das festas patronais que se celebran na segunda quincena de xullo.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Terra de Lemos |
| Extensión | 143 Km2 |
| Poboación Total | 3073 h |
| Poboación Homes | 1457 h |
| Poboación Mulleres | 1616 h |
| Densidade de poboación | 21.49 h/Km2 |