papamerda

papamerda

(< papar + merda)

  1. s m [ANIMAL/ORNIT]

    Nome común que reciben as aves que pertencen ao xénero Stercorarius, da orde dos caradriformes. Presentan sexos iguais e forma semellante á das gaivotas.

  2. papamerda palanquín [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de 46 cm, de plumaxe de cor variable; a forma clara ten a parte inferior do corpo branca, e a forma escura é totalmente moura, ambas co peteiro negro. De ampla distribución, habita en Europa, Asia e América, e en España pode observarse no norte. Aliméntase de peixes, e ás veces perseguen outras aves para que regurxiten o seu alimento e así devoralo despois. En Galicia é unha ave de paso, xa que inverna nas zonas tropicais.

  3. papamerda palleiro [ANIMAL/ORNIT]

    Ave que mide arredor de 50 cm, con formas claras, escuras e intermedias, que se diferenza dos outros porque as plumas sobresaíntes da cola teñen forma redonda. Caracterízase pola súa rapidez, que utiliza nas súas accións de pillaxe, tanto roubando ovos como facendo regurxitar a comida a outras aves mariñas. En Galicia é unha ave de paso que se pode observar entre setembro e outubro.

  4. papamerda rabudo [ANIMAL/ORNIT]

    Ave moi similar en colorido ao papamerda real e ao palleiro pero con dúas plumas moi sobresíantes na cola. Mide aproximadamente entre os 51 e 56 cm, ten a cabeza negra, a parte inferior branca e as patas e o peteiro negros.

  5. papamerda real [ANIMAL/ORNIT]

    Ave de aproximadamente 58 cm, de cor parda, cunhas manchas brancas nas ás e na cola en forma de cuña. É unha gran voadora e aliméntase de peixes e de roubos a gaivotas, tanto comida semidixerida como ovos. A prea tamén forma parte da súa dieta. En Galicia é unha ave de paso.