Parada de Sil
Concello da comarca de Terra de Caldelas, situado no SL da Comunidade Autónoma de Galicia e no N da provincia de Ourense. A súa posición xeográfica é 42° 23’ latitude N e 7° 34’ lonxitude O. Limita ao N co concello de Sober (comarca de Terra de Lemos), ao L co da Teixeira (comarca de Terra de Caldelas), ao S co de Montederramo (comarca Terra de Caldelas) e Xunqueira de Espadanedo (comarca de Allariz-Maceda), e ao O co de Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense). Abrangue unha superficie de 62,4 km 2 , en que acolle unha poboación de 752 h (2007), distribuída nas parroquias de Caxide, Chandrexa, Forcas, A Hedrada, Parada de Sil, As Paradellas, Pradomao, Sacardebois e San Lourenzo de Barxacova. A capital está no lugar de Parada de Sil, na parroquia homónima, localizada a 160 km de Santiago de Compostela e a 49 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial da Pobra de Trives.
Xeografía física
O territorio repártese en tres franxas paralelas seguindo unha dirección aproximada NO-SL. Ao N atópase o Canón do Sil, espazo natural constituído por unha estreita franxa caracterizada polas fortes pendentes marcadas polo desnivel, que vai desde pouco máis de 200 m no fondo do canón ata os preto de 700 m das vertentes que o delimitan. A segunda franxa, máis ancha e extensa, correspóndese cun relevo en costa de altura media comprendida entre os 700 e os 1.000 m e unhas pendentes máis moderadas que marcan a transición co macizo de Cabeza de Meda, nela destacan as cotas de Cabaleiros (1.048 m), As Braceiras (1.047 m) e Os Salgueiros (1.013 m). Ao S aparece a terceira franxa, que corresponde a Cabeza de Meda con alturas comprendidas entre os 1.000 e os 1.300 m, que culminan no monte Meda (1.320 m). Outras elevacións importantes son Os Confurcos (1.177 m) e Os Burdiallos (1.289 m). O territorio repártese entre o dominio climático oceánico-mediterráneo propio da ribeira do Sil e o oceánico de montaña propio da meirande parte do territorio. Posúe un prolongado período frío desde novembro a abril influído por estar situado nun territorio de alta montaña. A temperatura media anual é de 9,4°C, a media de xaneiro é de 3°C e a de agosto de 17,6°C; a amplitude térmica extrema chega aos 25,8°C. As precipitacións anuais medias son de 1.400 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que o 38% se recollen no inverno, fronte ao 10% do verán, ficando con valores medios a primavera e o outono co 26% cada un. A rede fluvial ten como principal río o Sil, profundamente encaixado, onde verten pequenos regos de forte pendente que seguen a dirección S-N. Os máis importantes son o Mao, que nace en terras de Montederramo e baña o L do concello, e o rego do Batán, que drena as terras centrais e recibe as augas do rego dos Fíos. A vexetación natural é variada e responde a un claro gradiente altitudinal, onde destacan as especies mediterráneas (sobreiras, aciñeiras e oliveiras) que aproveitan o microclima do fondo do Canón do Sil.
Xeografía humana
Parada de Sil sufriu ao longo do s XX un proceso de intensa despoboación, xa que os efectivos demográficos de comezos do s XXI representan pouco máis da cuarta parte dos de 1910, ano en que acadou o máximo demográfico. Neste longo período alternaron fases de lento crecemento (0,24% interanual entre 1900 e 1910, 0,30% interanual entre 1920 e 1940, e 0,59% interanual entre 1950 e 1960), con outras de perdas moderadas (-0,61% interanual entre 1910 e 1920, -1,32% interanual entre 1940 e 1950, e -0,61% interanual entre 1960 e 1970), polo que dominou unha estabilidade con tendencia a perder efectivos. A partir de 1970 a situación cambiou bruscamente e iniciouse unha etapa de perda constante (entre 1970 e 1991 diminúe o -3,13%), suavizada entre 1991 e 2001 (-1,73%). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -10,58%. As masivas emigracións das décadas de 1960 e 1970, fundamentalmente cara á capital provincial, foron as principais responsables da caída demográfica do concello, acompañadas dun notable avellentamento. En 2006 o saldo vexetativo foi amplamente negativo (-20,7‰) pois a natalidade é moi baixa (2‰) e a mortalidade ten unha taxa moi elevada (22,7‰) o que tamén evidencia este avellentamento que deu como resultado que os menores de 20 anos sumen só o 6,3% da poboación e os de máis de 65 anos o 47,5%; o grupo intermedio representa o 46,3%. Atendendo ao reparto da poboación por sexos, predominan as mulleres co 51,12% dos efectivos fronte aos 47,87% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Parada de Sil é do 30,2% (39,3% a masculina e 22% a feminina); a taxa de ocupación é do 23% (29,4% a masculina e 17,2% a feminina) e a taxa de é do 23,8% (25,2% a masculina e 21,7% a feminina). O sector primario emprega o 20,9% da man de obra, co que representa a segunda fonte de emprego. A superficie labrada ocupa só o 7,05% da superficie municipal, ante o accidentado do seu territorio. Dominan os cultivos forraxeiros, a pataca e a vide, estendida esta última polas ribeiras do río Sil e acollida á Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Os prados e os pastos esténdense polo 12,58% do seu territorio, e as vacas están destinadas á produción de carne case na súa totalidade. O porcino acada gran relevancia en granxas impulsadas en gran medida pola cooperativa COREN: 2.200 cabezas reprodutoras (2005). A industria e a construción teñen un peso pouco importante, xa que só dan traballo ao 9,33% e ao 7,1% dos ocupados, respectivamente. Os servizos son o principal sector económico, co 62,6% da man de obra, aínda que no termo o equipamento terciario é deficitario, xa que son frecuentes os desprazamentos para traballar nos servizos da cidade de Ourense. As vías de comunicación máis destacadas son as estradas locais que comunican a capital municipal con Nogueira de Ramuín e coa Teixeira.
Historia
Os feitos de maior importancia que aconteceron en Parada de Sil remóntanse á Idade Media, época en que se produciu un importante incremento da actividade monástica, como resultado da súa situación en plena Ribeira Sacra. Durante o Antigo Réxime as parroquias que integran o concello de Parada de Sil estiveron repartidas nas xurisdicións de Montederramo, señorío do mosteiro de Montederramo; Santa Cristina de Ribas de Sil, patrimonio do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil; Ribas de Sil, administrada polo mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil; e San Lourenzo e Vil, rexida pola Encomenda de Quiroga. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal. Daquela produciuse a creación do concello de Chandrexa de Sacardebois nas terras de Parada de Sil, dentro do partido xudicial de Castro Caldelas. En 1823 o Rei Fernando VII derrogou a constitución, feito que supuxo a restauración do réxime señorial. En 1835 produciuse a definitiva recuperación do municipalismo e creouse o concello de Parada de Sil en substitución do anterior e pasou a depender do partido xudicial da Pobra de Trives. En 1893 creouse a parroquia das Paradellas e desde entón non se produciron modificacións nos límites do concello.
Patrimonio cultural
O principal vestixio arquitectónico do concello é o mosteiro de Santa Cristina de Ribas de Sil, de estilo románico e do que se conserva igrexa e claustro. Destacan tamén as igrexas de San Xiao de Padromao, Santa María de Chandrexa e Santa Cristina de Caxide, ademais das numerosas capelas e ermidas do concello. Respecto á súa riqueza natural, o concello conta co espazo natural do Canón do Sil, declarado Lugar de Importancia Comunitaria en 2001 dentro da proposta de Rede Natura 2000. Das festas que teñen lugar sobresaen as parroquiais de San Pedro de Teimende en Parada de Sil, as do Perpetuo Socorro de Santigueiro en Caxide e as do Carme en Sacardebois, ademais das romarías de San Bieito o 7 de xullo e a de San Ramón o 8 de agosto que se celebran en Parada de Sil.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Terra de Caldelas |
| Extensión | 62 Km2 |
| Poboación Total | 752 h |
| Poboación Homes | 360 h |
| Poboación Mulleres | 392 h |
| Densidade de poboación | 12.13 h/Km2 |