paraguaio -guaia
(< topónimo Paraguay)
-
adx
Relativo ou pertencente a Paraguay ou aos seus habitantes.
-
s
Natural ou habitante de Paraguay.
-
arte paraguaia
[ARTE]
Arte desenvolvida en Paraguay. A época de máximo esplendor corresponde aos ss XVII e XVIII coas misións xesuíticas. Nesta época os estilos europeos mesturáronse con características indíxenas e destacan as misións de San Ignacio, San Cosme, Jesús e Santa Trinidad. No s XIX impúxose o neoclasicismo, con exemplos como a catedral de Asunción, o palacio do Goberno e o Panteón.
-
literatura paraguaia
[LIT]
Literatura en lingua castelá cultivada en Paraguay. Naceu baixo a preponderancia do modernismo, e Alejandro Guanes e Eloy Farina Núñez foron os dous primeiros nomes notables. As dúas xeracións modernistas do país xiraron ao redor das revistas Crónica (1913-1915) e Juventud (1923-1925), e os poetas máis destacados foron G. Molinas Rolón, L. Ramos Giménez e P. Max Ynsfrán. Manuel Ortiz Guerrero foi un autor que sobresaíu polo seu perfil de poeta popular e polo seu bilingüismo (guaraní e castelán). Co modernismo comezaron os primeiros signos de expresión nacional, e foi a partir da guerra do Chaco (1932-1935) cando se consolidou un pulo creador que integrou a toda a nación. N. González iniciou unha poesía de reivindicación do indio. A gran figura lírica desta tendencia foi Herib Campos Cervera, e a primeira achega da novelística indíxena paraguaia foi a de Gabriel Casaccia. A poesía social da década de 1950 estivo representada por Elvio Romero. R. Domínguez, J. Luis Appleyard e E. Wiezel, autores de grande éxito no país, que se moveron dentro de tendencias esteticistas. O poeta e narrador Augusto Roa Bastos foi o gran renovador da prosa paraguaia e o que máis recoñecemento recolleu fóra do país. A partir da década de 1970 destacaron R. Bareiro, E. Cabañas e W. Baecker. A finais do s XX, unha nova xeración de autores, como Verónica Balansino, Milia Gayoso, Mabel Pedrozo e Marcelo Sarubbi iniciaron a modernización da literatura no país.
-
música paraguaia
[MÚS]
Música cultivada en Paraguay. Os indíxenas empregaban instrumentos de percusión, de vento e a arpa paraguaia, que era unha pequena arpa diatónica. Despois da colonización europea, as misións xesuítas do Paraná introduciron, no s XVI, a música relixiosa europea, e máis tarde a profana. Coa independencia, apareceron unha serie de correntes musicais populares baseadas principalmente na música de salón europea, pero con ritmos e metros propios, o que deu pé a danzas como a polca paraguaia, o galopa e a guaranía. As principais figuras do ambiente musical clásico foron A. Barrios Mangoré (1885-1944), Á. Menchaca (1885-1924), R. Giménez (1889-?) e J. C. Moreno (1912).