parasitismo
(< parasito + -ismo)
Relación interespecífica entre parasito e hospedador. Dáse normalmente nos casos en que o hospedador non ve gravemente afectada a súa viabilidade por culpa do parasito, malia que os trastornos ocasionados poidan deixalo en inferioridade de condicións, e ser seleccionado negativamente. É froito da adaptación morfolóxica, fisiolóxica e ecolóxica, cunha longa evolución paralela, entre un par de especies, na que o parasito chega a miúdo a prescindir dos seus propios medios de supervivencia para pasar a depender obrigatoriamente do hospedador (parasito obrigado). Cando o parasitismo afecta a unha proporción dunha poboación, pode provocar oscilacións fortes (epidemia) que dean lugar a flutuacións da poboación. O parasitismo é un elemento regulador das poboacións e, cando é moi específico, pode servir para o control das pragas dos insectos ou para destruír as herbas daniñas dos cultivos.