parnasianismo
(< parnasiano)
Escola literaria de orixe francesa que influíu fortemente nas diversas literaturas europeas durante a segunda metade do s XIX. O seu nome deriva do Parnasse contemporain, recueil de vers nouveaux, versos publicados en diversas ocasións (desde 1866 ata 1876), se ben a escola xa se constituíra ao redor da Revue fantaisiste (1861). Caracterizouse polo seu afastamento das fórmulas románticas de Musset e Lamartine e a declaración do seu ideal de impasibilidade, perturbado só pola obtención da beleza pura e absoluta. Relacionada en parte cos movementos neoclásico e romántico, procura nas fontes clásicas algúns aspectos como a arte pola arte. Os primeiros exemplos poden localizarse nas obras de Th. Gautier e Th. de Banville. A partir destes autores, a preocupación pola forma do verso callou nos poetas máis novos, que tiveron como representante máis destacado a Leconte de Lisle. A escola tivo como autores máis importantes a L. Ménard, L. Bouilhet, L. Dierx, C. Mendès e L. Xavier de Ricard. O movemento rematou, practicamente, coa publicación de Les Trophées de J. M. d’Hérédia. OBS: ; Tamén se denomina escola parnasiana.