parroquia

parroquia

(< lat parochĭa < gr παροικíα)

  1. s f
    1. [XEOG/ADM]

      Territorio elemental da división eclesiástica que está baixo a xurisdición dun cura e que é a unidade básica de división territorial en numerosas áreas rurais do norte da Península Ibérica. A parroquia é a igrexa en que se administran os sacramentos e se dá axuda espiritual aos habitantes do territorio que están baixo a súa xurisdición espiritual. Cada diocese distribúese en porcións territoriais, asignando a cada unha delas unha igrexa especial, un conxunto de fieis determinado e un reitor ou pastor propio. Divídese en parroquias, onde un clérigo fixa a súa residencia no lugar e atende aos fieis. Os requisitos precisos para que exista unha parroquia son cinco: un territorio concreto, uns fieis determinados, unha igrexa especial ou templo para os actos do culto, un reitor especial que como propio pastor estea á fronte da igrexa e do pobo, e un dote suficiente, renda fixa ou emolumentos, para atender o sustento do párroco e os gastos propios da parroquia. A Igrexa establece diferentes clasificacións en función de diversos conceptos. En primeiro lugar, as parroquias divídense en territoriais ou persoais, dependendo de se están identificadas por un espazo concreto ou polas persoas que forman parte dela. As territoriais teñen unha área demarcada e un pobo determinado polos límites dese territorio. As persoais fíxanse pola clase de persoas que as constitúen e divídense, á súa vez, por razóns da orixe familiar ou xentilicia e por razóns da profesión, como por exemplo as parroquias castrenses. Tendo en contra a relación entre as parroquias hai unha segunda clasificación que as divide en matrices, as de carácter principal, e anexas, que dependen dunha matriz. Unha parroquia matriz pódese repartir en anexas nas comarcas de poboación diseminada ou cando en poboacións aglomeradas é necesario polo número de habitantes constituír unha axuda á parroquia principal. Por outro lado, tamén se dividen segundo a localización administrativa e segundo sexan rurais ou urbanas. Outra clasificación está en relación coa presenza ou non dun cura principal ou doutro habitual, dividíndose así en inamovibles ou amovibles. As parroquias remóntanse ao s IV, afianzáronse nos ss V e VI e acadaron un definitivo incremento na Idade Media. Naceron como consecuencia da ruralización da sociedade no Baixo Imperio Romano e pola necesidade de atención pastoral aos núcleos cristiáns rurais. Co feudalismo a parroquia evolucionou cara ao beneficio eclesiástico, como porción de pobo ou territorio asignado ao coidado dun sacerdote e un conxunto de bens para o seu sustento, neste sentido, a rural foi anterior á urbana. A importancia histórica da parroquia en España faise evidente ao ser tomada como referencia territorial básica para a confección de distintos recontos estatísticos e espaciais. Era a unidade territorial primeira do Catastro do Marqués de la Ensenada, do dicionario xeográfico de P. Madoz e, máis recentemente, dos nomenclátores de poboación en varias comunidades autónomas do norte de España, incluída Galicia. Así mesmo, a división do territorio español en municipios a partir de 1833 tivo que se realizar en Galicia ou en Asturias mediante unha agrupación de parroquias, que continuaron sendo durante moito tempo os territorios básicos de articulación para unha sociedade campesiña tradicional, onde as unidades oficiais de demarcación posuían un escaso contido. O significado da parroquia é, polo tanto, moito máis amplo que a súa funcionalidade relixiosa inicial, para co tempo, converterse tamén nunha unidade civil. En determinados territorios, como o norte da Península Ibérica e, sobre todo, en Galicia, actúa como a célula básica da organización do espazo, de relación social e de veciñanza para un gran número de comunidades campesiñas vinculadas á propiedade da terra. A parroquia diferénciase da aldea, que é un asentamento de poboación creado para a explotación agraria das súas inmediacións, en que, na maioría dos casos, inclúe un número variable de aldeas (entre unha e varias decenas) e os seus terreos adxacentes. Por enriba das entidades de poboación máis básicas, o lugar e a aldea, e por debaixo dos núcleos administrativos civís, a cabeceira municipal e o partido xudicial, sitúase a parroquia como entidade de organización primordial no agro galego. En principio, os límites do territorio parroquial só eran coñecidos polos seus propios veciños e apoiábanse en distintos accidentes xeográficos como ríos, regatos ou liñas de cumios. Os habitantes dunha parroquia considéranse entre si veciños, e distínguense perfectamente dos residentes en territorios próximos catalogados como foráneos. A delimitación física das parroquias resultaba en moitos casos difícil de coñecer, pois non son divisións administrativas como os concellos e a súa funcionalidade eclesiástica baséase no número de veciños que pertencen a cada unha, máis que no coñecemento exacto das súas fronteiras. Non obstante, en Galicia, Asturias e a rexión norte de Portugal, elaboráronse cartografías precisas das parroquias, en Galicia en 1986 contabilizáronse e cartografáronse 3.786. Tradicionalmente, a parroquia posuía un significado económico claro, era o lugar onde se desenvolvían os sistemas de axuda mutua interveciñal no traballo do campo e, en moitas áreas de Galicia, tomábase como referencia para a propiedade común do monte. Tamén actuaba como o ámbito de celebración de festas e de aproveitamento do tempo libre en sociedades rurais. Caracterizábanse por posuír unha unidade histórica e formaban unha unidade territorial, con límites naturais, que representaban un centro de convivencia e intereses comúns; unha unidade económica e fiscal, en determinados aspectos contributivos; unha unidade relixiosa, xa que a vida xiraba ao redor da igrexa; unha unidade social, porque existía un alto grao de cohesión social, e unha unidade administrativa no eido estatístico, censual e militar. Na segunda metade do s XX o masivo éxodo rural e o proceso de urbanización traducíronse nunha debilidade parroquial, ao perder numerosos veciños e atoparse en moitos casos, cada vez máis avellentadas. A comezos do s XXI, as parroquias tenden a integrarse en espazos produtivos de relacións máis amplos, xa que a urbanización, física e social da sociedade rompeu gran parte do funcionamento tradicional das parroquias. A súa función de centralidade cultural, demográfica, económica e social foi substituída pola cabeceira comarcal, a vila ou a cidade máis próxima ás aldeas correspondentes. A cuarta parte das parroquias de Galicia non acadan a cifra de 100 veciños, así a propia igrexa procedeu á supresión de numerosas parroquias, máis de 40 en Mondoñedo, Ourense e Lugo, 30 en Santiago de Compostela e 20 en Tui. Ademais, a súa propia constitución relixiosa inicial está en perigo, pois a falta de vocacións sacerdotais e o gran número delas dá lugar a que moitas teñan que compartir crego con outras, reducir o número de oficios e, cando o número de veciños é mínimo, desaparecen. Non obstante, seguen a ser unha referencia no medio rural galego, e boa parte das tradicións culturais, festas e actos sociais mantéñense no ámbito territorial da parroquia. Os estatutos de autonomía de Asturias e Galicia recoñecen a personalidade xurídica da parroquia. No Estatuto de Autonomía de Galicia no seu Título II das competencias de Galicia, no Capítulo I das competencias en xeral, artigo 27, sinálase a organización e réxime xurídico das comarcas e parroquias rurais como entidades locais propias de Galicia, alteracións de termos municipais comprendidos dentro do seu territorio e, en xeral, as funcións que sobre o réxime local correspondan á comunidade autónoma, ao amparo do artigo 149.118 da Constitución española, e o seu desenvolvemento.

    2. Igrexa principal da circunscrición parroquial, en que radica a actividade pastoral do reitor.

    3. Despacho parroquial ou tamén edificio, anexo normalmente á igrexa, onde o reitor celebra reunións, atende os fieis ou ensina o catecismo.

  2. s f

    Conxunto de fregueses dunha parroquia.

    Ex: Estaba toda a parroquia no xantar da inaguración.

  3. s f [XEOG/ADM]

    Circunscrición ou división administrativa de Andorra.

Palabras veciñas

párroco | Parronchi, Alessandro | Parrondo | parroquia | Parroquia | Parroquia | parroquial