Parti Communiste Français
Asociación política francesa que naceu en 1920 a partir da escisión producida no congreso de Tours da Section Française de l’Internationale Ouvrière (SFIO). Entre 1934 e 1938 formou parte da Fronte Popular. Durante a ocupación nazi de Francia participou activamente na Resistencia, pero a partir de 1947 quedou novamente illado. En 1972 o XX congreso elixiu como secretario xeral a Georges Marchais, que sucedeu a Waldek Rochet e dirixiu o partido cara ao eurocomunismo, para volver despois á ortodoxia marxista--leninista. O triunfo do Parti Socialiste en 1981 deulle ao PCF catro ministerios no novo goberno de maioría socialista, colaboración que rematou en 1984. A desaparición dos réximes do leste entre 1989 e 1990 non pareceu afectarlle xa que no XXVII congreso (1990) se reformou na liña da ortodoxia comunista. A secretaría xeral ocúpaa Marie-George-Buffet. Posteriormente volveu ter ministros no goberno. Das súas publicacións destaca o diario parisiense L’Humanité.