Partido Comunista de España
Partido político orixinado dunha primeira escisión do PSOE en 1920 e dunha segunda de 1921, de onde xurdiu o Partido Comunista Obrero Español (PCOE), que tivo na publicación Guerra social o seu voceiro e a A. García Quejido, M. Núñez de Arenas, Daniel Anguiano, Virginia González e F. Perezagua Pérez como dirixentes. Aquel mesmo ano a Terceira Internacional celebrou unha conferencia de fusión entre o PCE e o PCOE que deu lugar ao PCE. M. Primo de Rivera prohibiu o partido en 1923 e o PCE pasou unha época de clandestinidade que favoreceu a súa desarticulación. O III congreso houbo de reunirse en París (1929) pero o cambio máis importante produciuse no IV congreso (1932), cando asumiu a dirección José Díaz Ramos, Isidora Ibárruri Gómez (a Pasionaria), Vicente Uribe Galdeano, Pedro Checa e Antonio Mije García, entre outros, e consagrou a submisión do PCE á política de Stalin. A súa presenza no goberno republicano durante a Guerra Civil Española foi moi importante e posteriormente participou na loita armada da década de 1940. O VI congreso (1956) elaborou a liña de reconciliación nacional cos gañadores da Guerra Civil e en 1960 S. Carrillo Solares foi nomeado secretario xeral. Dentro do PCE reforzouse a tendencia eurocomunista (en 1970 escindiuse un grupo máis prosoviético, encabezado por Xesús Liste Forján, Enrique Líster, que constituíu o novo Partido Comunista Obrero Español). En 1977 foi legalizado e obtivo nove deputados nas eleccións de xuño de 1978. O PCE recoñeceu a monarquía e a bandeira constitucional, renunciou ao leninismo no IX congreso (1978) e propugnou un goberno de concentración. Esta liña, impulsada por Santiago Carrillo, valeulle ao partido un modesto éxito electoral, pero tamén desencadeou unha crise interna que se concretou en 1981 nun gran número de sancións e expulsións, ademais da escisión nacionalista do PC de Euskadi e a división do Partit Socialista Unificat de Catalunya (PSUC). As eleccións xerais de outubro de 1982 evidenciaron a perda de influencia social do PCE e trouxeron o relevo na secretaría xeral de S. Carrillo por Gerardo Iglesias Argüelles. En 1986 constituíu, xunta outros partidos, a federación Izquierda Unida. En decembro de 1998, F. Frutos i Gras foi elixido secretario xeral do PCE.