Partido Liberal ou Partido Liberal-Fusionista
Partido Liberal ou Partido Liberal-Fusionista
Partido político español que, durante a Restauración, alternou no goberno co Partido Conservador. Formouse en 1880, ao redor do grupo constitucional de Práxedes Mateo Sagasta. Ideoloxicamente case non se distinguía do Partido Conservador, malia que acentuaba algúns principios de carácter liberal e que era menos autoritario no exercicio do poder. Desde a morte de Sagasta (1903) o partido escindiuse entre os centristas (con Álvaro de Figueroa y Torres, conde de Romanones) e os radicais (con Xosé Canalejas Méndez). Finalmente impúxose X. Canalejas, ata que o seu asasinato (1912) e as diferenzas entre dirixentes debilitaron o partido, que xa decaera cando se produciu a crise de 1917 e o final da alternancia dos partidos no poder.