Partido Socialista Obrero Español
Organización política fundada en Madrid en 1879 por núcleos marxistas expulsados da Federación Regional Española da Asociación Internacional de Traballadores. Implantouse nos medios obreiros de Madrid, Euskadi e Asturias. O primeiro deputado socialista, Paulo Iglesias Posse, foi elixido en 1910, grazas á alianza electoral cos republicanos. O partido defendeu as reivindicacións obreiras e cumpriu unha ampla tarefa de educación popular. Aproveitou a tolerancia da que gozou durante a Ditadura de Primo de Rivera (1923-1930) para implantarse nos medios campesiños do sur do estado. Participou no comité revolucionario (1930), no goberno provisional da Segunda República (1931) e no goberno de Manuel Azaña Díaz (1931-1933). Durante a Guerra Civil Española (1936-1939) Francisco Largo Caballero e Juan Negrín López presidiron cadanseu goberno de coalición; mentres, no exilio, impúxose a liña moderada de Indalecio Prieto Tuero. Deixando de lado o sector histórico escindido en 1972, que en 1982 se converteu no Partido Socialista (PS) e despois en Partido Acción Socialista (PASOC), o PSOE renovado, estruturouse federalmente e mantivo un estreito contacto coa UGT. Configurouse en xuño de 1977 como a segunda forza estatal e foi ratificado polos electores en 1979. Desde ese momento, a vontade da dirección de afirmar o gobernamentalismo do partido e o carácter de alternativa a UCD impuxeron unha evolución socialdemócrata que non impediu o acordo municipal co PCE (1979) nin o mantemento dentro do PSOE dun sector esquerdista. Gañou as eleccións lexislativas de 1982, 1986 e 1989, e por maioría simple as de 1993, con Felipe González Márquez como presidente do goberno, e nas eleccións de 1996 e 2000 converteuse no partido opositor ao goberno do PP ata que en 2004 volveu gañar as eleccións e José Luis Rodríguez Zapatero foi elixido presidente do goberno. Foron secretarios xerais do PSOE F. González Márquez (1974-1997), J. Almunia Amann (1997-2000) e J. L. Rodríguez Zapatero (desde 2000). En Galicia formouse o PSdeG-PSOE en 1978, con militantes procedentes do Partido Socialista Galego, que presidiu a Xunta de Galicia con Fernando González Laxe (1987-1990).