Partit Socialista Unificat de Catalunya
Organización política catalá fundada o 22 de xullo de 1936 a partir da fusión do Partit Comunista de Catalunya, a Federació Catalana del PSOE, a Unió Socialista de Catalunya e o Partit Català Proletari. O seu crecemento durante a guerra foi notable. Desde os primeiros momentos do exilio, a dirección do PCE tentou integralo baixo a súa autoridade e, a partir de 1949, o PSUC quedou fortemente ligado ao PCE, perdendo a súa independencia. De acordo coa súa concepción da loita pola democracia, tivo un papel destacado na Asemblea de Catalu-nya e participou no Consell de Forces Polítiques de Catalunya. Legalizado en maio de 1977, no V congreso (1981) a ocasional alianza dos sectores leninistas e históricos provocou a desfeita eurocomunista e a case ruptura co PCE. O VI congreso (1982) implicou o retorno á ortodoxia eurocomunista e a tendencia prosoviética emprendeu a creación dunha organización paralela que constituíu o Partit dels Comunistes de Catalunya (PCC). O VII congreso reafirmou a súa identificación co PCE. En 1987 coa incorporación do PCC formaron unha federación de partidos políticos que adoptou o nome de Iniciativa per Catalunya.