1 pataca
(
-
s
f
-
[PLANTA]
Planta herbácea, perenne, con tubérculos comestibles, de follas irregularmente pinnipartidas, de flores brancas ou moradas, en forma de estrela de cinco puntas, e de froitos en baga arredondada e verdosa. As raíces están moi ramificadas, e son finas e longas; posúe talos aéreos, de ata 1 m de lonxitude e de cor verde, e talos subterráneos, curtos e nos que se forman os tubérculos. No seu interior existe un alcaloide tóxico chamado solanina, e unhas sustancias de tuberización, que son as que producen a xerminación, crecemento e formación de tubérculos na planta. Adáptase ás diferentes situacións climáticas aínda que o seu mellor rendemento aparece en zonas temperadas ou frías. Require humidade abundante e regular, pero tamén pode plantarse en zonas de secaño, moitas veces despois de recoller a colleita de nabos xa que a pataca é un cultivo rotacional básico. Prefírense terras soltas e fértiles, e crece ben en terras cun pH neutro ou algo ácido. A plantación faise vexetativamente con anacos xerminados do tubérculo, que se soterran en sucos. Xeralmente, a sementeira realízase na primavera, e a recolleita a finais do verán. Esta planta é moi sensible ás pragas e enfermidades, como o escaravello da pataca, os pulgóns, algún nematodo, a mera da pataca, a sarna ou virus. Orixinaria dos Andes, xa a cultivaban os incas, e co tempo espallouse por todo o mundo, agás nas baixas rexións tropicais. Introduciuse en Europa, a través de España, no s XVI; ao final do s XVII espallouse o seu cultivo a países como Francia e Holanda, e a finais do s XVIII e comezos do s XIX, chegou a Reino Unido. En Galicia a chegada da pataca produciuse a comezos do s XVII, en 1607, pero o seu desenvolvemento acadouse no s XVIII. Os primeiros datos que indican a importancia e dimensión social deste cultivo son os preitos entre os labregos e os perceptores dos décimos, que se recollen a partir de 1736. A súa expansión definitiva produciuse como consecuencia da crise dos cereais no período 1768-1769, cando se converteu na base da alimentación do campesiñado galego, en substitución da castaña, e foi o soporte do seu desenvolvemento demográfico. Desde finais do s XVIII o cultivo da pataca, tanto de secaño como de regadío, estendeuse pola paisaxe agraria galega, e constituíu a base alimenticia da poboación e da gandería vacúa e porcina. A xeneralización do seu cultivo levou a un perfeccionamiento no desenvolvemento do policultivo de subsistencia, e formou parte das rotacións de cultivo en Galicia. Destacan tres zonas polo cultivo da pataca: A Terra Chá, Bergantiños e A Limia.
-
[BOT/ALIM]
Tubérculo comestible da planta da pataca, nutritivo e moi feculento, especialmente rico en amidón e vitamina C. Coñécense máis de mil variedades de patacas, que poden ser clasificadas segundo o tempo de maduración (moi precoz, precoz, semiserodia e serodia); segundo a súa forma (redonda, oval e alongada); segundo a cor da pel (amarela, rosa e vermella) ou da carne (branca e amarela); e segundo o lugar de orixe. En canto á composición, os tubérculos conteñen glícidos, dun 15 a un 20% (case todo fécula), un 0,1-0,3% de lípidos, un 1,5-2% de prótidos, un 75-80% de auga e un 1% de sales minerais. Son ricas en potasio e pobres en cloruros, e teñen un importante contido de vitamina C. Son moi dixeribles e fundamentalmente enerxéticas, pois 100 g proporcionan entre 70 e 85 calorías. Utilízase na alimentación e tamén comercialmente como fonte de amidón e como materia prima para a fabricación de alcohol industrial, como forraxe que permite manter o gando en condicións máis rendibles e para a elaboración de fécula e glicosa. En Galicia, a produción da pataca ocupa case o 7% dos cultivos herbáceos e utilízase tanto para autoconsumo e reemprego como para comercialización. Cultívanse patacas das variedades Kennebec, Red Pontiac e Baraka. Os distintos tipos diferéncianse entre si pola cor, textura da pel e da polpa, cantidade de amidón, etc, que están presentes no tubérculo. OBS: Tamén se denomina baloca, castaña da horta, castaña da/de terra, castaña das Indias, castaña mariña ou mariña.
-
[PLANTA]
-
pataca doce
[PLANTA]
Planta de orixe americana que produce un tubérculo duns 10 cm de largo e 5 cm de diámetro, fariñento, da cor da terra por fóra e branco ou amarelo por dentro, e de sabor lixeiramente doce. O seu tubérculo é comestible.