Pazos de Borbén

Pazos de Borbén


Concello da comarca de Vigo, situado na provincia de Pontevedra no SO da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 17’ de latitude N e 8° 31’ 40” de lonxitude O. Limita ao N con Fornelos de Montes e Soutomaior (ambos os dous da comarca de Vigo), ao L con Fornelos de Montes e Mondariz (comarca do Condado), ao S con Ponteareas (comarca do Condado) e Mos (comarca de Vigo) e ao O con Redondela (comarca de Vigo). Abrangue unha superficie de 50 km 2 , en que acolle unha poboación de 3.145 h (2007), distribuída nas parroquias de Amoedo, Borbén, Cepeda, A Ermida, Moscoso, Nespereira, Pazos e Xunqueiras. A súa capital está no lugar de Pazos, na parroquia do mesmo nome, a 89 km de Santiago de Compostela e a 28 km de Pontevedra. Está adscrito, á diocese de Tui-Vigo e ao partido xudicial de Redondela.
Xeografía física
O concello localízase no bloque litoral, entre a Dorsal Occidental Galega e a Depresión Meridiana. Está situado nun contexto litolóxico dominado polas rochas ácidas con predominio do granito de dúas micas, pode dividirse en tres partes: os relevos montañosos prelitorais, a falla central onde se encaixou o río Borbén e os contrafortes occidentais da serra do Suído. O terzo O está composto por unha aliñación con altitudes medias entre os 300 e os 650 m, con maiores altitudes canto máis ao S, coas súas principais cotas no pico da Serra (631 m) e o Galleiro (630 m). O centro do concello correspóndese cunha fosa tectónica, a Depresión Meridiana, moi estreita e con altitudes comprendidas entre os 100 e os 300 m. A terceira franxa correspóndese cunha sucesión de pequenas cotas, con altitudes que apenas superan os 400 m, que delimitan a Depresión Meridiana polo L e chegan ata o curso do río Barragón, límite oriental do concello. Pertence ao dominio climático oceánico húmido con tendencia á aridez estival. As temperaturas son suaves todo o ano, pero a proximidade de relevos potentes repercuten en abondosas precipitacións. A temperatura media anual é de 13,2°C, cunha media en xaneiro de 8°C e 18,4°C en xullo, e unha amplitude térmica extrema que chega aos 18,4°C. A precipitación media anual é de 1.904 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival, 9% das precipitacións, mentres que o 38% se recolle en inverno, mentres que as estacións de transición teñen valores intermedios (26% en primavera e 27% en outono). A rede hidrográfica, condicionada pola tectónica, repártese entre as concas dos ríos Miño e Oitavén. Ao primeiro diríxense os ríos Louro e Borbén, mentres que cara ao Oitavén vai o río Barragón. A vexetación natural está condicionada pola acción antrópica con abundantes extensións de eucaliptos.
Xeografía humana
A poboación de Pazos de Borbén viviu ao longo do s XX unha evolución caracterizada pola estabilidade demográfica, feito que fixo que a poboación de 2001 só fose un 7% superior á de 1900, e un 15% inferior á de 1981. Ata 1940 experimentou un lento pero constante aumento demográfico, cun crecemento medio do 0,52% interanual. Entre 1940 e 1970 alternou momentos de crecemento negativo (décadas de 1940 e 1960, -0,26%; -0,51% interanual repectivamente) con crecemento positivo (décadas de 1950 e 1960, 0,60%; 0,71% interanual, repectivamente), que deron paso, a partir de 1970, a unha prolongada fase de regresión demográfica (-0,77%). Os inicios do s XXI marcan un aumento demográfico e así, entre 2001 e 2007, a poboación aumento nun 3,04%. A súa estabilidade demográfica débese á proximidade das áreas urbanas de Vigo e Pontevedra. En 2006 o crecemento natural foi negativo (-3,5‰) pois a pesar de ter unha natalidade relativamente alta (8,5‰) esta é superada pola mortalidade (12‰). A súa poboación mostra signos de envellecemento pois os menores de 20 anos acadan o 15,9% e os de máis de 65 anos, o 22,5%; o grupo intermedio representa o 61,7%. A repartición por sexos está desequilibrada a prol das mulleres, que acadan o 53,13% fronte ao 46,86%.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Pazos de Borbén é do 50,7% (66,8% a masculina e 37,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 37,4% (52,4% a masculina e 24,8% a feminina) e a taxa de paro é do 26,1% (21,5% a masculina e 33,1% a feminina). O sector primario só suma o 5,9% da man de obra, incluíndo unha escasa porcentaxe vinculada á pesca formada por pescadores que traballan nos portos da ría de Vigo (1,7% do total dos ocupados). A superficie cultivada ocupa o 14,10% do territorio, onde predomina o cultivo do millo, pataca e os cultivos forraxeiros, mentres que os prados e pastos só abranguen o 5,58%. A industria, cun peso importante, dá traballo ao 28,6% da man de obra, aínda que a ausencia de plantas industriais de relevancia provoca o desprazamento a industrias asentadas nos concellos veciños de Mos, Redondela e Vigo. A construción emprega ao 19,6% da man de obra, fundamentalmente na edificación dos núcleos urbanos máis próximos ao seu territorio. A maioría da man de obra, o 46%, está empregada no sector servizos, a pesar de que son frecuentes as migracións pendulares cara ás cidades das Rías Baixas. A principal vía de comunicación é a estrada local que une Redondela con Fornelos de Montes, desde onde parten outras estradas que unen Pazos de Borbén con Ponteareas e Soutomaior.
Historia
Os gravados rupestres testemuñan a antigüidade do poboamento do concello. Destacan, entre outros, os de Pedra das Tenxiñas (Amoedo), Montecelo (Nespereira), Coto da Lameira (Moscoso) ou Ferreira (Cepeda), declarados BIC en 1975. Durante o Antigo Réxime o concello permaneceu dividido entre as xurisdicións de Redondela Nova, señorío do arcebispo de Santiago de Compostela, e Soutomaior, señorío do duque homónimo, pertencentes á provincia de Tui. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal do territorio. Daquela produciuse a creación do concello, pertencente ao partido xudicial de Redondela, e en 1822, coa división de Galicia en provincias, incorporouse á de Vigo. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, e o concello integrouse na provincia de Pontevedra. En 1844 o concello modificou a súa capitalidade -de Borbén a Pazos-, e o seu nome -de Borbén a Pazos de Borbén-. Sempre pertenceu ao partido xudicial de Redondela, agás no período 1965-1988 cando pertenceu ao de Vigo. A finais do s XIX agregóuselle a parroquia da Ermida, que fora segregada da de Pazos.
Patrimonio cultural
Ademais dos gravados rupestres mencionados, destacan a capela do Carme (Nespereira) e as igrexas parroquias de San Paio de Moscoso, San Pedro de Cepeda, San Salvador de Xunqueiras, San Sadurniño de Amoedo, Santa María de Pazos e Santiago de Borbén. Celébranse as festas da Virxe da Branca, en Borbén; da Virxe dos Remedios, en Moscoso; da de Santa María, en Pazos; e do Carme en Nespeira. Tamén destacan a romaría de Santo Amaro en Amoedo, a Festa das Papas, na Ermida, e dúas feiras mensuais, os días 3 e 18, na parroquia de Moscoso.

Datos de poboación (2007)

Provincia PONTEVEDRA
Comarca Vigo
Extensión 49 Km2
Poboación Total 3145 h
Poboación Homes 1474 h
Poboación Mulleres 1671 h
Densidade de poboación 64.18 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias