pecado

pecado

(< lat peccātu)

  1. [RELIX]
    1. s m

      Acto ou omisión de desobedicencia a unha lei ou principio relixioso. Na tradición oral recóllense ditos como: “No pecado está a penitencia. Deus molla aos xustos e aos pecadores, o mesmo polos días que polas noites. Págana os xustos cando a fan os pecadores. Unha por outra non é pecado”.

    2. s m

      Estado dunha persoa que cometeu esas faltas.

    3. pecado capital

      Cada un dos sete pecados que a tradición eclesial considera como orixe doutros vicios e pecados. Segundo a orde establecida polo Papa Gregorio I o Magno, os pecados capitais son a soberbia, a avaricia, a luxuria, a gula, a ira, a envexa e a preguiza. Contrapóñense ás correspondentes sete virtudes capitais.

    4. pecado contra o Espírito Santo

      Pecado nomeado no Novo Testamento (Mt 12, 31-32, e Mc 3, 29-30), que consiste no rexeitamento explícito e pertinaz do don escatolóxico de Deus en Xesús Cristo e que, polo feito de incluír o rexeitamento absoluto do mesmo perdón divino, nunca pode ser perdoado.

    5. pecado de comisión

      Obra, palabra ou desexo que prohibe a lei divina.

    6. pecado de omisión

      Pecado que se comete por non facer o indicado pola lei moral.

    7. pecado mortal

      Pecado que causa a morte da alma.

    8. pecado orixinal

      Pecado da humanidade nos tempos orixinais da súa historia, do que participan todos os homes e polo que o xénero humano perdeu o estado orixinal e se fixo responsable da súa situación actual. Se ben son moitas as relixións que fan referencia a unha caída orixinal, co fin de explicar a existencia do mal físico e, sobre todo, moral no mundo, a específica comprensión bíblica dun pecado orixinal (o de Adán e Eva) responde á esixencia de manter a non responsabilidade do Creador na existencia do mal, motivada exclusivamente polo home. A doutrina eclesiástica do pecado orixinal fundaméntase nas epístolas de Paulo aos romanos e aos efesios e foi definida polos concilios de Cartago e de Trento.

    9. pecado reservado

      Pecado cuxa absolución se reserva a un superior eclesiástico (papa, bispo, ordinario), limitando así a xurisdición ordinaria dos seus súbditos. Algúns pecados son reservados por razón da súa gravidade ou por razón da censura.

    10. pecado venial

      Pecado que ofende levemente a Deus.

  2. s m

    Acto ou comportamento lamentables ou que se afastan do que se considera recto ou xusto.

    Ex: Éche un pecado non ir á praia con este soliño. É un pecado que deixes toda esa comida no prato.

Frases feitas

  • Negro coma os pecados. Ser algo ou alguén moi negro ou moi escuro.

  • Ser máis feo ca o pecado. Ser moi feo.

Refráns

  • O bocado de Adán ao mundo puxo en afán.
  • Pecado calado é medio perdoado.

Palabras veciñas

pebrina | Pebsa | pecadento -ta | pecado | pecador -ra | pecaminoso -sa | pecar