Pedra, Idade de

Pedra, Idade de
[PREHIST]

División da Prehistoria, anterior á Idade dos Metais, segundo unha división tripartita establecida cara a 1836 polo arqueólogo danés C. J. Thomsen. Está constituída polos períodos do Paleolítico e o Neolítico. O termo foi moi utilizado durante o s XIX, pero decaeu xa que non corresponde a un único modo de vida, xa que en realidade responde ao desenvolvemento e perfeccionamento da industria lítica. Foi substituído en xeral polos termos de Paleolítico -de economía de cazadores e de recolección-, e Neolítico -de economía agropecuaria-, cun período intermedio, o Mesolítico ou Epipaleolítico.