Pedra Cuberta, dolmen de
Pedra Cuberta, dolmen de
Dolmen situado en Treos (Vimianzo). Está constituído por unha cámara poligonal e un corredor que aínda conserva a súa cuberta, cunha lonxitude total de 6,60 m e 1,80 m de alto. Despois do descubrimento de Georg Leisner en 1934 dunhas pinturas na superficie interna das laxes do dolmen, pasou a considerarse un dos monumentos megalíticos máis destacados da Península Ibérica. Na cámara aprécianse liñas onduladas, verticais, círculos concéntricos e zigzags en cores vermella, branca e negra. No corredor só se perciben restos de cor vermella. Nunha escavación posterior apareceron dúas pequenas machadas de pedra.