Pedrafita do Cebreiro
Concello da comarca dos Ancares, situado na provincia de Lugo no L da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 43’ 30’’ de latitude N e 7° 01’ de lonxitude O. Limita ao N coas Nogais e Cervantes (ambos os dous na comarca dos Ancares), ao L coa provincia de León, ao S con Folgoso do Courel (comarca de Quiroga), e ao O con Samos e Triacastela (ambos os dous na comarca de Sarria). Abrangue unha superficie de 101 km 2 , en que acolle unha poboación de 1.368 h (2007), distribuída nas parroquias do Cebreiro, Fonfría, Hospital, Liñares, Lousada, Louzarela, Pacios, Padornelo, Pedrafita do Cebreiro, Riocereixa, Veiga de Forcas e Zanfoga. A súa capital está no lugar de Pedrafita do Cebreiro, na parroquia do mesmo nome, a 177 km de Santiago de Compostela e a 71 km de Lugo. Está adscrito á diocese de Lugo e ao partido xudicial de Becerreá.
Xeografía física
Está situado no corazón das serras orientais e o seu relevo accidentado marca a transición entre as serras dos Ancares e do Courel. O seu territorio é unha encrucillada orográfica, en que conflúen distintas aliñacións montañosas. Cara ao L sitúanse os montes de Pedrafita, aliñación con dirección SO-NL no seu tramo setentrional, que enlaza cos Ancares, e NL-SO no seu tramo meridional, que enlaza coa serra do Courel, cunha altitude media entre os 1.000 e 1.200 m, que culmina no chao da Serra (1.330 m). Cara ao O sitúase a serra do Rañadoiro (1.463 m), potente aliñación con dirección SL-NO e altitudes comprendidas entre os 1.100 e os 1.463 m, que se desdobra cara ao O e orixina as serras do Oribio e os montes de Lóuzara, xa fóra do concello. Cara ao SL sitúase o extremo nororiental da serra do Courel, aliñación montañosa con dirección NL-SO, con altitudes comprendidas entre 1.000 e 1.500 m. Finalmente, illado deste complexo orográfico, sitúase a serra do Piornal (1.392 m), no extremo máis setentrional do concello. Desde o punto de vista climático, está situado en pleno dominio climático oceánico de montaña, feito que repercute nunhas temperaturas moi baixas e unhas elevadas precipitacións. A temperatura media anual é de 8°C, cunha media en xaneiro de 0,7°C, e de 15,7°C en agosto e unha amplitude térmica extrema que chega aos 22,2°C. A precipitación anual media é de 2.042 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, co 36% das precipitacións recollidas no inverno e o 10% no verán, mantendo valores medios na primavera co 27% e no outono co 26%. Entre este conxunto de serras dispóñense profundos vales, que coinciden coas cabeceiras de ríos como o Lor, o Lóuzara e o Navia. O carácter de nó orográfico convérteo tamén nun nó hidrográfico. Cara ao N está a cabeceira do río Navia, que nace nas proximidades da parroquia de Padornelo, e drena as abas setentrionais das serras do Rañadoiro e dos montes de Pedrafita. No SO nace o río Lóuzara, que verte no Lor, e recolle as augas ao S da serra do Rañadoiro. A cabeceira do Lor recolle as augas do centro e S do concello, a partir de multitude de regueiros entre os que destaca o Meor. A vexetación é a tipica dun territorio de montaña, onde queda patente a progresión altitudinal das masas vexetais, con prados de sega e árbores de ribeira no fondo dos vales, masas de castiñeiros, carballos e faias a media ladeira, e bidueiras, formacións arbustivas e pastos de montaña na parte alta das abas das serras.
Xeografía humana
A evolución da poboación de Pedrafita do Cebreiro foi negativa, en especial desde 1950, cando a emigración acadou cifras moi elevadas. Entre 1900 e 1910 a poboación medrou a razón dun 0,91% interanual e tivo en 1910 o seu máximo demográfico. Na década de 1910 existiu un forte retroceso (-0,90% interanual), e entre 1920 e 1940 viviu momentos de estancamento (crecemento cero), que deron paso a unha decadencia demográfica caracterizada pola súa persistencia, primeiro moderada (entre 1950 e 1970; 0,91% interanual), para pasar a moi forte no último terzo do s XX (-1,79% interanual). Nos primeiros 7 anos do s XXI a poboación descendeu no -11,85%. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-13,1‰) a causa dunha baixa natalidade (1,4‰) e unha alta mortalidade (14,5‰), o que evidencia o avellentamento da poboación ao que contribuíu a emigración. Os menores de 20 anos só supoñen o 8,1%, mentres que os de máis de 65 anos representan o 36,7%; o grupo intermedio representa o 55,2%. A poboación é fundamentalmente masculina, ao representar os homes o 53,43% fronte ao 46,56% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Pedrafita do Cebreiro é do 44,7% (50,4% a masculina e 38,3% a feminina); a taxa de ocupación é do 34,8% (38% a masculina e 31,3% a feminina); e a taxa de paro é do 22,1% (24,6% a masculina e 18,5% a feminina). O sector primario representa o 41,6% da man de obra. A superficie cultivada, a pesar das fortes pendentes, representa o 16,50% do territorio, onde predominan as plantas forraxeiras. A industria absorbe o 4,8% da man de obra e a construción está representada por un 11,1%. O sector servizos representa o 42,5% do emprego, e nel destaca a vila de Pedrafita do Cebreiro como centro de servizos. As principais vías de comunicación son a estrada N-VI, de Madrid a A Coruña, e a autovía A-6, que atravesa o extremo nororiental do concello, á altura da vila de Pedrafita do Cebreiro; outras vías importantes son a estrada que comunica Pedrafita con Sarria, e a que partindo desta última a comunica coa vila de Quiroga.
Historia
Pedrafita do Cebreiro foi, desde moi antigo, a porta da Galicia setentrional desde a Meseta. Polas terras deste concello pasaron varias vías romanas, así como o Camiño Francés de peregrinación a Santiago, que penetra en Galicia a través deste concello. Durante o Antigo Réxime pertenceu ás xurisdicións do Cebreiro, señorío do mosteiro de San Benito el Real de Valladolid; O Courel, señorío da orde de Santiago; e Torés, señorío do conde de Amarante. En 1821 o territorio estaba repartido entre os concellos do Cebreiro e Vilanova do Padornelo, fusionados en 1835 no concello do Cebreiro, que desde 1861 foi rebautizado como Pedrafita do Cebreiro. A súa adscrición xudicial mudou ao longo do tempo: de 1821 a 1840 permaneceu no partido de Cruzul; entre 1840 e 1965 pasou a Becerreá; entre 1965 e 1988 pertenceu a Lugo, e a partir desa data volveu a Becerreá tras repoñerse este partido xudicial.
Patrimonio cultural
Do seu patrimonio cultural destaca especialmente a igrexa prerrománica de Santa María a Real (s IX) no Cebreiro, onde parece que tivo lugar o milagre eucarístico do Santo Graal, do que se conservan as reliquias. A igrexa pertenceu a un mosteiro baixo a mesma advocación ata 1858, cando a desamortización obrigou os monxes a abandonalo. Tamén son destacables as igrexas parroquiais de San Xoán de Fonfría, Santo Estevo de Liñares, San Lourenzo de Pacios ou San Xoán de Padornelo, así como o parque etnográfico do Cebreiro, integrado por un pequeno poboado con pallozas, unha igrexa prerrománica (s IX) e unha hospedaxe fundada no s IX para atender os peregrinos. Dentro do patrimonio natural do concello, destacan o espazo dos Ancares-Courel, declarado Lugar de Importancia Comunitaria dentro da Rede Natura 2000. Das súas romarías destaca a celebrada en honor a Santa María, en setembro. Tamén a feira do gando celebrada anualmente na capital do concello, o terceiro domingo de setembro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | LUGO |
|---|---|
| Comarca | Ancares, Os |
| Extensión | 104 Km2 |
| Poboación Total | 1368 h |
| Poboación Homes | 731 h |
| Poboación Mulleres | 637 h |
| Densidade de poboación | 13.15 h/Km2 |