Pedro Barrié de la Maza, Fundación

Pedro Barrié de la Maza, Fundación

Fundación sen ánimo de lucro creada por Pedro Barrié de la Maza, conde de Fenosa, en 1966. Con sedes na Coruña, a principal, e Vigo, está presidida por Carmela Arias y Díaz de Rábago, condesa de Fenosa. Leva a cabo un labor nos ámbitos da educación, investigación, cultura e servizos sociais. En 1994 creou o Instituto de Estudios Económicos de Galicia Pedro Barrié de la Maza (IEEG PBM) que ten como fins o avance da ciencia económica de Galicia, a mellora do coñecemento da súa realidade socioeconómica e o desenvolvemento do capital humano nesta materia. Para acadar isto, realiza investigacións científicas e prácticas que axudan á formación de economistas cun alto nivel de cualificación nas universidades galegas. Coa Universidade de Santiago de Compostela creou o Instituto da Lingua Galega (ILG) en 1971 e o Instituto Universitario de Ciencias Neurolóxicas Pedro Barrié de la Maza ese mesmo ano; e coa Universidade de Vigo o Instituto de Electrónica Aplicada Pedro Barrié de la Maza (1990). Ademais, colabora con outros centros de investigación en distintos campos, como a Real Academia Galega de Ciencias, e en diversos programas de investigación biomédica. Desenvolve tamén un programa de apoio social a persoas maiores con demencias neurodexenerativas e unha convocatoria de axudas a inciativas sociais no campo das drogodependencias e outras adicións. Promove bolsas de posgrao, as bolsas de bacharelato Colexios do Mundo Unido e bolsas para fillos de emigrantes galegos. No eido da cultura destacan, entre outras actividades, a reconstrución dos instrumentos do Pórtico da Gloria (1988-1991) e a do coro pétreo do mestre Mateo (1995-1999). Conta cun servizo de publicacións. En 1976 estableceu os Premios Vitalicios e en 1982 o Premio de Investigación Raíña Sofía para a Prevención da Subnormalidade. Recibiu, entre outros galardóns, a Medalla de Oro al Mérito en las Bellas Artes (1998) e o nomeamento da condesa de Fenosa como primeira académica de honra da Real Academia Galega de Ciencias (2000), como agradecemento á fundación.

Palabras veciñas

Pedrizas | pedro | Pedro Abad | Pedro Barrié de la Maza, Fundación | Pedro Canisio, san | Pedro Celestino, san | Pedro Claver, san