peliqueiro -ra
(< pelica)
-
s
m
[ETN]
Personaxe do Entroido ourensán, tamén coñecido como cigarrón, murrieiro ou choqueiro. É unha máscara típica de Laza, aínda que tamén se dá en Castro Caldelas. Os seus traxes son moi vistosos e a pel que cobre as costas parece ser que ten unha orixe prehistórica, semellante á que vestían os homes desta época nas súas danzas rituais; aínda así a pel que cobre a cabeza recorda as gorras militares que se usaban no s XVIII. Estes gorros puideron ser empregados polas gornicións de defensa do castelo de Monterrei. Segundo a tradición, os peliqueiros eran criados da garda do conde deste lugar que ían a Laza cobrar os tributos das Cen Doncelas e que a súa vestimenta e as máscaras eran para axotar os lobos do camiño. Na man levan unha especie de látego feito dun pau e cunha pel atada no extremo, de aí vén o nome de peliqueiro. A peza máis importante do traxe é a máscara que consta de dúas partes: o cavaco o a mitra, obra feita en madeira de amieiro e rematada cunha barba curta de pel negra de lebre. A carauta coróase cunha especie de mitra en forma de semicircunferencia, de chapa e pintada con representacións de follas, flores, animais e formas xeométricas. A parte posterior desta mitra é de pel de raposo, de gato ou de can, e cae pola parte traseira cubrindo a cabeza e parte das costas do peliqueiro con dous rabos no seu remate. O resto do traxe complétase cunha camisa branca, gravata rechamante e chaquetiña curta adornada con galóns dourados e xarreteiras de metal dourado. No van levan faixa de seda e sobre a mesma un cinto de coiro do que van penduradas seis grandes chocas colocadas na parte traseira. Estas fanse soar acompasadamente con movementos estudados que o peliqueiro imprime ao seu corpo. O calzón é curto e de cor, con seis bandas de flocos arredor, alternando unha banda verde cunha vermella; á altura do van leva unha banda de cor branca. O pantalón, suxeitado con rechamantes tirantes, é singular e complicado. Para facelo, cómpre tres especialistas: un xastre corta o pantalón, unha persoa fai as las e outra os encaixes e os pendóns. As medias son de seda e preferentemente de cor natural, mentres que as ligas de veludo están feitas con cores e adornos. Os zapatos son negros e de punta. O camiñar do peliqueiro sempre é a saltos para facer soar as chocas. A xente non os pode tocar nin chamar polo seu propio nome. De seren descubertos, poden arremeter e atacar co propio pau. Non poden sacar a carauta nin deixar de saltar, e de facelo, poden ser collidos á forza e levados á taberna para pagar unha rolda de viños.
-
s
Persoa que traballa as peles para facer pezas de roupa, adornos e outros obxectos.
-
s
m
Lugar destinado a secar e curtir peles.