pelota

pelota

(< provenzal pelota)

  1. s f

    Bola esférica ou ovoide de diversos tamaños, de material elástico e xeralmente forrada de coiro ou pel, que se emprega para xogar.

    Confrontacións: balón.
    1. s f

      Xogo que se realiza cunha pelota.

    2. pelota vasca [DEP]

      Tipo de xogo de pelota que é unha evolución directa dos que se realizaban na Antigüidade en América, Europa Occidental ou Oriente Medio, e que chegou a Euskadi mediante o jeu de paume, practicado por burgueses e aristócratas franceses do s XVII, que á súa vez derivaba do primitivo xogo da pila. Presenta como modalidades, segundo o lugar onde se xogue, o frontón longo, o frontón curto, o xogo a rebote, o trinquete e o xogo a ble (cunha parede á esquerda); e segundo o xeito de impulsar a pelota, a man, con luva, con pa ou con cesta. A pelota (64-68 mm de diámetro; 101-125 g) está feita de caucho, recuberto de la e fío, e enfundada en coiro. O primeiro pelotari coñecido, de tradición vasca, apareceu entre 1760 e 1770 co nome de Perkain e as primeiras dinastías de pelotaris datan do s XIX. En 1952 celebrouse o primeiro campionato do mundo en Donostia.

    3. xogo de pelota [DEP]

      Cada un dos xogos en que dous ou máis contrincantes impulsan coa man unha pelota nun frontón ou trinquete, podendo estar a man núa ou protexida cunha luva, pa ou cesta, de acordo coas regras do xogo. A federación internacional recoñece 27 modalidades. Era coñecido xa polos antigos exipcios, gregos, romanos e polos maias.

  2. s f

    Masa ou obxecto de forma esférica.

  3. s f [BÉL]

    Bala de pedra, de chumbo ou de ferro, coa que se cargaba os arcabuces, os mosquetes, os canóns e outras armas de fogo antigas.

Palabras veciñas

Peloponeso, Liga do | peloria | pelosiña | pelota | pelotada | pelotari | Pelotas