Penamaior, Santa María de

Penamaior, Santa María de

Antigo mosteiro cisterciense situado en Penamaior (Becerreá). A súa orixe, discutida, pode remontarse ao s XI ou ben a mediados do s XII. En 1188 dependía do mosteiro leonés de Carracedo e en 1225 era abadía da orde do Císter. Desde entón e ata 1506 ampliou o seu patrimonio. Integrouse na Congregación de Castela en 1506 como unha pequena comunidade ata a súa desaparición. Está situado nunha vía secundaria do Camiño de Peregrinación a Santiago. Consérvase a igrexa, construída no s XII, en estilo románico. Ten planta basilical con tres naves divididas en catro tramos e rematadas en ábsidas, semicirculares as laterais e poligonal a central. Estas, cóbrense con bóvedas de medio canón rematadas en casca. As naves laterais sepáranse da central por piares cruciformes con capiteis decorados con motivos vexetais. A fachada, reformada no s XVII, conserva a portada primitiva, composta por dúas arquivoltas semicirculares, que arrancan das columnas acobadeladas nas xambas e que teñen o seu interior polilobulado. O tímpano, decorado con relevos planos e esquemáticos, forma no centro unha cruz. A portada está enmarcada por pilastras acaroadas, que sinalan os ocos das naves. Sobre ela abriuse un van no s XV e, debaixo del, está o escudo da abadía e unha fornela coa imaxe da Virxe. O conxunto está coroado cunha sinxela espadana de dous vans.

Palabras veciñas

Penamaior | Penamaior | Penamaior | Penamaior, Santa María de | Penamarleu | Peñamellera Baja | Penamil