Penélope
Penélope
[MIT]
Muller de Ulises. Filla de Ícaro, irmá de Tíndaro e da náiade Peribea. A súa lenda é coñecida, sobre todo, a través da Odisea homérica. Ao ausentarse Ulises pola guerra de Troia, Penélope estivo durante vinte anos esperando o retorno do esposo, ata que, acurralada polos pretendentes, prometeu casar cun deles cando acabase de tecer o sudario do vello rei Laertes, o seu sogro. De día tecía o sudario e de noite desfacía todo o que fixera, e así a obra era interminable. Descuberta por unha serventa, tivo que acceder ás esixencias dos pretendentes, pero o retorno de Ulises, que exterminou a todos os pretendentes, fixo que marido e muller se reencontrasen e comezasen unha nova vida xuntos.