perdiz

perdiz

(

  1. [ANIMAL/ORNIT]
    1. s f

      Nome que reciben diversas especies de aves dos xéneros Alectoris, Lagopus e Perdix, da familia dos fasiánidos, que presentan as ás e a cola curtas e viven no chan.

    2. perdiz charrela [Perdix perdix, Fam dos fasiánidos]

      Ave galiforme, de ata 30 cm de lonxitude, que ten a plumaxe gris, coas partes inferiores máis claras, a cabeza rubia e unha mancha de cor castaña escura en forma de ferradura no peito dos machos. Aliméntase fundamentalmente de insectos e bagas. Habita en monte baixo e terras de cultivo de zonas de montaña. Localízase nas montañas do N da Península Ibérica e en toda Europa, agás no S de Francia. En Galicia é moi pouco común, e atópase nas serras orientais en altitudes superiores aos 1.200 m.

    3. perdiz nival [cast: perdiz nival; ingl: ptarmigan] [Lagopus mutus, Fam dos fasiánidos]

      Ave galiforme, de arredor de 35 cm, cunha plumaxe invernal totalmente branca menos a cola, que é negra. A plumaxe estival é rubia pola parte superior do corpo, co peito e as patas cubertas por plumas brancas. Habita en zonas alpinas, e aliméntase de plantas ericáceas e arandos.

    4. perdiz rubia [cast: perdiz común, perdiz roja] [Alectoris rufa, Fam dos fasiánidos]

      Ave galiforme que ten unha lonxitude aproximada de entre 33 e 38 cm, cunha cola que pode chegar a medir uns 12 cm aproximadamente. Posúe unha plumaxe conspicua coas partes superiores de cor parda algo vermella e os flancos de cor gris clara con listas castañas; ten unha banda negra que vai desde o pico ata o ollo, que se prolonga por debaixo da gorxa; presenta a parte inferior do pescozo e o peito de cor gris; e ten o peteiro, o anel orbital e as patas vermellas. É unha ave gregaria e sedentaria. Aliméntase principalmente de grans e brotes, ademais de pequenos insectos. O macho é o encargado de facer o niño no chan con vexetación densa, onde a femia pon uns 15 ovos, que incubarán ou ben a femia ou ben ambos, arredor de 24 días. Habita principalmente en lugares pedregosos con monte baixo e campos de cultivo. Localízase na Península Ibérica, ao S de Francia, ao NO de Italia e ao S de Gran Bretaña, así como en puntos de Suíza. Existen dúas subespecies: A. r. hispanica, que cría no N e O da Península, e A. r. intercedens, que cría no L e no S. É moi apreciada como peza culinaria e de caza.

  2. perdiz do mar [ANIMAL/ORNIT]

    Ave ciconiforme, de ata 25 cm de lonxitude, que presenta a plumaxe superior pardenta, a inferior ocre e o ventre branco. Ten a gorxa amarela cunha raia negra que a limita e a cola moi bifurcada, negra coa base branca. Aliméntase fundamentalmente de insectos que captura en voo. Ave gregaria, habita en esteiros, marismas e gándaras. Atópase en Asia central e occidental, ao SL de Europa, e hiberna en África. En Galicia é moi pouco frecuente.

Palabras veciñas

perdigueiro -ra | perditancia | Perdix | perdiz | perdoábel | perdoable | perdoador -ra