Pereiro de Aguiar, O
Concello da comarca de Ourense, situado no S da Comunidade Autónoma de Galicia e no N da provincia de Ourense. A súa posición xeográfica é 42° 20’ 40” latitude N e 7° 43’ 10” lonxitude O. Limita ao N cos concellos de Coles e Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense), ao L co de Esgos (comarca de Ourense), ao S co de Paderne de Allariz (comarca de Allariz-Maceda) e ao O con Ourense e San Cibrao das Viñas (os dous da comarca de Ourense). Abrangue unha superficie de 60,9 km 2 , en que acolle unha poboación de 5.234 h (2007), distribuída nas parroquias de Calvelle, Covas, Chaodarcas, A Lamela, Melias, Prexigueiró, Sabadelle, San Martiño de Moreiras, San Xoán de Moreiras, Santa Marta de Moreiras, Tibiás, Triós e Vilariño. A capital está no lugar do Pereiro de Aguiar, parroquia de Prexigueiró, localizada a 116 km de Santiago de Compostela e a 5 de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
O concello esténdese polo L da depresión de Ourense, conformado pola alternancia de pequenos vales fluviais e serras de materiais graníticos de escasa altitude. O curso principal do Miño, ao N do concello, forma unha estreita franxa de terreo de dirección NL-SO con altitudes medias comprendidas entre os 150 e 300 m. O centro e o S están ocupados polos vales do Loña e dos seus afluentes, formando un espazo deprimido con altitudes comprendidas entre os 200 e os 300 m, delimitados por serras que apenas chegan aos 400 m, agás no extremo L (Chao de Arcas, 467 m e Montealegre, 470 m). O Pereiro de Aguiar entra dentro dos dominios climáticos oceánico de montaña, oceánico mediterráneo e oceánico de transición. Localizado nun dos bordos da depresión de Ourense, as temperaturas son altas no verán e as precipitacións relativamente baixas. A temperatura media anual é de 14°C, a media de xaneiro é de 7°C e a de xullo de 21,7°C, e a amplitude térmica extrema chega aos 24,1°C. As precipitacións anuais medias son de 772 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que o 38% se recollen no inverno, fronte ao 9% do verán, e presentan valores medios a primavera (26%) e o outono (27%). A rede hidrográfica articúlase arredor do Miño, que delimita o concello polo NL, modificado polo encoro de Velle. Outro río é o Loña, tributario do Miño, que percorre este territorio no seu tramo medio, seguindo unha dirección NL-SO ata as proximidades do pequeno encoro de Cachamuíña, onde xira en dirección SO-NL. O Loña recibe pola esquerda o rego Grande e, pola dereita, os regos do Porto, do Grañal e Gaiola. A vexetación natural sofre as especiais condicións climáticas da depresión de Ourense, son abundantes as sobreiras e os cerqueiros, pero tamén os piñeiros de repoboación.
Xeografía humana
A evolución da poboación foi globalmente negativa ao longo do s XX, xa que perdeu en relación ao seu máximo demográfico de 1960 un 30,32% dos seus efectivos. Ata 1920 a poboación permaneceu practicamente estabilizada cun crecemento do 0,09% interanual. Entre 1920 e 1930 perdeu, de forma moderada, poboación (-0,26% interanual), que recuperou na década seguinte (0,4% interanual entre 1930 e 1940). Entre 1940 e 1950 este crecemento estabilizouse (0,03% interanual) para comezar unha nova fase de expansión entre 1950 e 1960 (0,53% interanual). A década de 1960 foi de éxodo masivo e produciuse un descenso acusado cifrado no -2,66% interanual; entre 1970 e 1981 a evolución positiva recuperouse en parte (1,05% interanual), para volver sufrir unha forte redución entre 1981 e 1991 (-2,18%). Entre 1991 e 2001 a poboación creceu (0,91% interanual) grazas á chegada de novos residentes procedentes da capital provincial; o aumento continuou e, entre 2001 e 2007, cifrouse no 12,13%. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-10,7‰) a causa dunha natalidade baixa (7,5‰) e unha mortalidade elevada (18,2‰). A proximidade da cidade de Ourense propiciou a súa recente recuperación demográfica e mitigou o problema do avellentamento, xa que os menores de 20 anos representan o 13,5% e os de máis de 65 anos o 23,4%; o grupo intermedio é do 63%. Por sexos a poboación está equilibrada: 50,79% de homes e 49,20% de mulleres.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello do Pereiro de Aguiar é do 47,7% (60,7% a masculina e 34,5% a feminina); a taxa de ocupación é do 43% (55,8% a masculina e 30% a feminina) e a taxa de paro é do 9,9% (8% a masculina e 13,2% a feminina). O sector primario supón só o 4,5% da man de obra. A superficie cultivada representa o 18,74% do territorio, e destacan entre os principais cultivos a pataca, o millo e os cultivos forraxeiros. Os prados e pastos representan o 8,34% do territorio, mentres que a gandaría vacúa ten unha clara orientación de produción de carne. A industria acolle ao 19,6% da man de obra, e son continuos os desprazamentos para traballar en industrias da área de Ourense. A construción emprega ao 17,9% dos traballadores, tanto na crecente edificación local como na da cidade de Ourense. Os servizos agrupan o 58,1% da man de obra, e destacan os numerosos establecementos de reparación e comerciais que aproveitan a accesibilidade á cidade de Ourense. Tamén se localiza no termo municipal o centro penitenciario do Pereiro de Aguiar. As principais vías de comunicación son a estrada N-120, de Logroño a Vigo, paralela á beira do Miño; a C-546, que discorre a xeito de vía de servizo da N-120; e a C-536, da Rúa a Ourense, que atravesa o centro do concello. Destacan tamén as estradas que unen Ourense con Maceda, e a que enlaza Ourense con Luíntra.
Historia
A antigüidade do poboamento amósase nos restos castrexos de Chaodarcas de Covas. Ocupada posteriormente polos romanos, desde a Idade Media estivo baixo a influencia de San Pedro de Rocas e do cabido catedralicio de Ourense; tamén exerceu certa influencia sobre estas terras o marqués de Malpica. Durante o Antigo Réxime o seu territorio estivo repartido entre as xurisdicións de Ceboliño, señorío do arcediago de Varoncelli, e O Pereiro de Aguiar, señorío do duque de Medina de Rioseco, compartida nalgunha parroquia cun señor laico e co mosteiro de Xunqueira de Espadanedo. En 1821 creáronse os concellos de Aguiar, Covas e Santa Marta de Moreiras. A derrogación da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII en 1823 supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835. Os tres concellos fusionáronse entón no do Pereiro de Aguiar.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos mencionados, tamén se encontraron cerámica e lápidas de época romana. Destacan as igrexas románicas de San Salvador de Prexigueiró e San Xoán de Moreiras. Da época barroca destacan o pazo de Castadón e a igrexa de Santa María de Melias. Das súas romarías destaca a dos Gozos, celebrada no santuario de Nosa Señora dos Gozos en Santa Marta de Moreiras. Tamén destacan as festividades de Santa Lucía, en Triós, e Nosa Señora de Merteira, na Lamela.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ourense |
| Extensión | 60 Km2 |
| Poboación Total | 5934 h |
| Poboación Homes | 3014 h |
| Poboación Mulleres | 292 h |
| Densidade de poboación | 98.9 h/Km2 |