perífrase

perífrase

(

  1. s f

    Conxunto de palabras que se usan para expresar unha idea que se podería transmitir en poucas palabras ou nunha soa.

  2. [LING]
    1. s f

      Expresión composta dun concepto que non adoita ter unha correspondencia, nunha soa palabra, no sistema da lingua.

    2. perífrase verbal

      Unidade verbal constituída por un verbo en forma persoal -verbo auxiliar-, que é o portador dos morfemas modo temporais e número persoais, e outro en forma non persoal (xeralmente infinitivo, xerundio e participio), -verbo auxiliado-. O verbo auxiliar, que pode ser pronominal, precede polo regular ao auxiliado e vai unido a el directamente ou por algún elemento de relación (en xeral algunha preposición ou as conxuncións e ou que). Desde o punto de vista funcional e semántico a perífrase é unha unidade, cun único predicado e un único significado léxico que vai determinado polos morfemas gramaticais do verbo que cumpran en cada caso, incluídos os perifrásticos. En consecuencia, o auxiliado non pode nin eliminarse nin substituírse sen alterar substancialmente o contido da oración; pola contra, o cambio ou eliminación do auxiliar só provoca unha alteración no significado gramatical de modo, tempo, aspecto ou voz do verbo principal. Por outra parte, o verbo que en principio podería ser auxiliar non o é se carece dos significados gramaticais mencionados e ten significado léxico propio e independente. No exemplo Teño comido moitos grelos, teño comido constitúe o predicado xa que os dous verbos son interdependentes e, en canto ao significado, este non é a suma dos significados de ter ‘posuír’ e comer ‘tomar alimento’, senón outro distinto ‘comín algunha vez’. A perífrase tamén é unha unidade desde o punto de vista sintáctico: o suxeito, complemento directo e demais complementos son constituíntes requiridos e relacionados co verbo auxiliado (o auxiliar non leva nin pode levar constituíntes sintácticos propios).

  3. s f [LIT]

    Figura retórica que expresa o contido dunha palabra mediante outras, para evitar o uso daquela cunha finalidade embelecedora ou eufemística.

Palabras veciñas

perifiton | periflebite | perifol | perífrase | perifrástico -ca | perigar | periglacial