periódico -ca

periódico -ca

(< lat periodĭcu < grπεριοδικός)

  1. adx

    Relativo ou pertencente a un período.

  2. adx

    Que ocorre en intervalos ou períodos de tempo fixos ou determinados.

  3. s m [PUBLIC]
    1. Publicación que sae a intervalos regulares de tempo e que contén artigos e noticias sobre diversas materias. O periódico adoita clasificarse segundo a materia que trate ou o público ao que se dirixe; deles cómpre salientar os de información xeral, que analizan todo tipo de temas e inclúen diversos apartados sobre política, economía, deportes, literatura e sociedade. A realización dun periódico precisa dun grupo de redactores que elaboran a información facilitada a través, ben das axencias de noticias, ben dos propios correspondentes. Ademais das noticias, o periódico adoita incluír un artigo editorial que reflicte o pensamento da dirección, anuncios comerciais e seccións de avisos e comunicados de carácter oficial ou particular. A súa distribución adoita ser á mañá, aínda que tamén hai edicións de tarde ou mesmo extraordinarias cando os acontecementos o requiran. OBS: Tamén se denomina xornal.

    2. Sede ou lugar onde se redacta unha publicación.

  4. lei periódica [QUÍM]

    Principio establecido empiricamente no s XIX por Chancourtois, Newlands, J. L. Meyer e Mendelejev, independentemente, segundo o que as propiedades dos elementos varían periodicamente co seu peso atómico. A lei pasou, a partir dos traballos de Moseley, a enunciarse establecendo que as propiedades dos elementos químicos non son arbitrarias, senón que dependen da estrutura do átomo e varían de xeito sistemático co número atómico. De acordo co concepto do átomo, o motivo último da periodicidade de propiedades atómicas está na periodicidade, no proceso de ocupación dos distintos orbitais atómicos dos que consta cada unha destas capas, para acadar a estrutura electrónica de cada átomo en particular (configuración electrónica). Polo que respecta ás propiedades físicas que varían periodicamente, cómpre mencionar o raio atómico e o potencial de ionización. En canto ás propiedades químicas, destaca o carácter metálico, a electronegatividade e a covalencia máxima. Entre as aplicacións máis útiles da lei periódica cabe a posibilidade de comprender a diferenza entre compostos e as propiedades dos que poden tamén variar periodicamente.