periurbano -na

periurbano -na

(< peri- + urbano)

adx

Aplícase ao espazo que resulta do crecemento demográfico, da edificación e da actividade económica que se dispón ao redor das cidades. Caracterízase demograficamente pola chegada masiva de novos residentes procedentes da cidade; no ámbito da edificación, pola proliferación de urbanizacións de chalés acaroados e dalgúns bloques en altura e, no campo da ocupación das actividades económicas, pola proliferación de solo destinado á industria e ao almacenaxe. En moitas ocasións este proceso de urbanización non é total, xa que perviven en maior ou menor medida trazos do seu pasado rural. A formación dos espazos periurbanos é un fenómeno relativamente recente nas cidades galegas que inclúe todos os fenómenos de ocupación do solo ao redor da cidade consolidada. A orla periurbana da Coruña é extensa e abrangue os concellos de Arteixo, Bergondo, Cambre, Culleredo, Oleiros e Sada, seguindo as tres principais vías de acceso á cidade. Neste espazo en constante crecemento existe unha clara diferenciación funcional, cunha actividade industrial en Arteixo e residencial no resto, matizada en Bergondo pola existencia de superficies mixtas industriais e de almacenamento. A poboación destes concellos representa o 31,73% da poboación da área urbana coruñesa. No caso de Ferrol o crecemento da súa franxa periurbana, especialmente visible nas décadas de 1960 e 1970, estendeuse aos concellos veciños de Ares, Fene, Mugardos, Narón e Neda. Este crecemento periférico está relacionado coa expansión da construción naval, con instalacións industriais en Fene (ASTANO), e a conversión de antigos núcleos rurais en áreas residenciais para os traballadores do sector naval (Xubia, Neda, Fene, Perlío, Mugardos). Estes concellos representan un 44,85% da área urbana de Ferrol. O crecemento da área periurbana compostelá é relativamente recente, impulsado pola expansión económica dunha cidade amparada na súa condición de capital político-administrativa de Galicia. Este crecemento iniciouse na década de 1980 coa creación da urbanización dos Tilos, en Teo, e expandiuse na década de 1990 e primeiros anos do s XXI. O resultado foi un forte crecemento inmobiliario dos concellos de Ames, Brión, Oroso e Teo, aproveitando núcleos preexistentes ao longo das vías de comunicación como Bertamiráns, O Milladoiro, Sigüeiro e Cacheiras. A poboación destes concellos periurbanos representa o 33,79% do total da área urbana compostelá. A cidade de Lugo caracterízase pola escasa capacidade de difusión e crecemento cara á súa periferia inmediata e responde a patróns tradicionais de crecemento urbano en que é patente a fronteira entre o espazo urbano e o rural. A difusión das actividades industriais e de almacenamento conformaron un eixe entre Rábade e Lugo, polo que se poden considerar como integrantes do espazo periurbano lucense os concellos de Outeiro de Rei e Rábade, especialmente este último que se converteu no único núcleo satélite da cidade lucense. A poboación destes concellos periurbanos representan tan só o 6,38% da poboación da área urbana de Lugo. A cidade de Ourense, condicionada pola escaseza de solo urbano, viviu un forte proceso de crecemento nas súas periferias que, seguindo as vías de comunicación, afectou aos concellos de Amoeiro, Barbadás, Coles, O Pereiro de Aguiar, San Cibrao das Viñas e Taboadela. A tipoloxía do proceso de periurbanización é residencial de alta densidade en Barbadás, residencial con baixas densidades en Amoeiro e Coles, industrial planificado en San Cibrao das Viñas, industrial espontáneo en Taboadela, e mixto residencial-industrial no Pereiro de Aguiar. A poboación periurbana representa o 17,57% da área urbana de Ourense. A cidade de Pontevedra caracterízase pola debilidade demográfica condicionada pola proximidade de Vigo. Non obstante, sobrepasou os seus límites no seu bordo occidental e integra os concellos de Marín, Poio e Vilaboa na súa área urbana. Marín combina o crecemento residencial coa función de porto da cidade, Poio é o principal espazo de expansión residencial e Vilaboa converteuse nun espazo de referencia para a desconxestión de certas actividades pontevedresas consumidoras de espazo. A dimensión demográfica destes concellos representa o 37,66% da da área urbana. A orla periurbana de Vigo é a maior de Galicia. Esténdese polas dúas marxes da ría de Vigo e prolóngase cara ao S, polo val do río Louro. Os concellos que a compoñen son os de Baiona, Cangas, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, O Porriño, Redondela e Soutomaior. Na marxe N da ría hai concellos especializados na pesca (Cangas e Moaña), ao NL da cidade sitúanse concellos de tradición industrial (Redondela e Soutomaior), cara ao S figuran territorios de industrialización recente (Mos e O Porriño) e cara ao SO localízanse os residenciais e turísticos (Baiona, Gondomar e Nigrán). Ao contrario que a área urbana da Coruña, o proceso de difusión periurbana non se asenta tanto na expulsión de poboación desde a cidade central, senón no proceso de traslación de actividades económicas e de man de obra local para as funcións económicas viguesas. A poboación destes concellos representa o 34,19% do conxunto da área urbana.

Palabras veciñas

peritonite | peritonización | perítrico -ca | periurbano -na | perixeo | períxino -na | perixove