Peroxa, A
Concello da comarca de Ourense, situado no centro-sur da Comunidade Autónoma de Galicia e no N da provincia de Ourense. A súa posición xeográfica é 42° 26’ latitude N e 7° 47’ lonxitude O. Limita ao N co concello de Carballedo (comarca de Chantada), ao L co de Nogueira de Ramuín (comarca de Ourense), ao S co de Coles (comarca de Ourense) e ao O co de Vilamarín (comarca de Ourense). Abrangue unha superficie de 54,5 km 2 , en que acolle unha poboación de 2.345 h (2007), distribuída nas parroquias de Armental, Beacán, Carracedo, Celaguantes, Graíces, Gueral, Mirallos, Os Peares, A Peroxa, San Cibrao de Armental, San Xes da Peroxa, O Souto, Toubes e Vilarrubín. A capital está no lugar da Peroxa, na parroquia homónima, localizada a 126 km de Santiago de Compostela e a 15 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial de Ourense.
Xeografía física
O relevo da Peroxa divídese en dúas zonas claramente diferenciadas e enlazadas por unha área de transición que ocupa o centro e o O do territorio. A primeira esténdese polo S e L e correspóndese con terras de altitudes comprendidas entre os 150 e os 400 m, que coinciden co val do Miño e o extremo NL da depresión de Ourense. A segunda ocupa o N, e é un contraforte montañoso de dirección case L-O, que parte da serra de Martiñá e descende ata o val do Miño con altitudes entre os 600 e os 700 m, das que destacan o alto de Vales (736 m), A Cruz de Fonfría (721 m) e Santa Águeda (685 m). A Peroxa pertence aos dominios climáticos oceánico mediterráneo e oceánico de transición. Situada nun dos bordos da depresión de Ourense, as temperaturas son altas en verán e as precipitacións relativamente baixas. A temperatura media anual é de 14°C, a media de xaneiro é de 7°C e a de xullo de 21,7°C; a amplitude térmica extrema chega aos 24,1°C. A precipitación anual media é de 772 mm, cunha distribución estacional que amosa unha acusada seca estival, xa que o 38% das precipitacións se recollen en inverno, fronte ao 9% que se rexistra en verán, mentres que a primavera co 26% e o outono co 27% manteñen valores medios. A rede hidrográfica está rexida polo Miño que, co leito anegado parcialmente, delimita o territorio polo L seguindo unha dirección NL-SO. No concello, á altura dos Peares, conflúen o Sil, o Búbal e o Miño, que no seu tramo final atravesa o extremo NL. Outro destacado é o rego de Armental, que tras nacer na parroquia do mesmo nome, atravesa o terzo O seguindo unha dirección N-S. A vexetación varía desde a de carácter atlántico das terras máis elevadas á de carácter mediterráneo nas ribeiras do Miño.
Xeografía humana
A evolución demográfica da Peroxa é negativa, xa que a poboación de comezos do s XXI é pouco máis da terceira parte da que houbo en 1930, ano en que acadou o máximo demográfico. As primeiras décadas do s XX estiveron marcadas pola estabilidade, de tal xeito que entre 1900 e 1920 a poboación retrocedeu un -0,04% interanual, mentres que entre 1920 e 1930 se produciu unha notable expansión demográfica, reflectida nun aumento do 1,39% interanual. A partir de 1930 comezou unha fase de regresión continuada, apenas interrompida por momentos de estabilidade (entre 1970 e 1981 creceu un 0,05%). Neste longo período alternaron momentos de fortes perdas demográficas (entre 1930 e 1940 perdeu -1,29%, entre 1950 e 1970 un -1,58%, e entre 1981 e 1991 un -2,97 % cada ano), con outros de perdas máis moderadas (entre 1940 e 1950 un -0,82% interanual, e entre 1991 e 2001 un -1,04%). Entre 2001 e 2007 o descenso foi do -8,29%. En 2006 o saldo negativo foi negativo (-18,3‰) a causa dunha baixa natalidade (2,7‰) e unha elevada mortalidade (21‰). A emigración, continua cara á cidade de Ourense, é a principal causante da despoboación da Peroxa, que provocou un avellentamento (menores de 20 anos son o 7,2% e os maiores de 65 anos o 39,1%; o grupo intermedio representa o 53,7%). Por sexos a poboación é predominantemente feminina (51,94% fronte ao 48,06% de homes).
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello da Peroxa é do 41,4% (50,8% a masculina e 32,8% a feminina); a taxa de ocupaci´´on é do 36,9% (45,7% a masculina e 28,9% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 10,9% (10,2% a masculina e 11,9% a feminina). O sector primario representa o 17,9% da man de obra. A superficie cultivada esténdese polo 22,57% do territorio, e nel destacan os cultivos de pataca, millo e vide, esta última cultivada nas parroquias da ribeira do Miño amparadas baixo a Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Os prados e pastos esténdense polo 17,60% do seu territorio. O armentío bovino (755 cabezas en 2007) dedícase á produción de carne e o porcino á reprodución (940 cabezas) e ceba (880 cabezas, 2005). A industria representa o 21% da man. A construción só acolle ao 12,1% dos ocupados, mentres que os servizos supoñen o 49% da man de obra, impulsados pola proximidade de Ourense, onde traballan gran parte dos residentes no concello. A principal vía de comunicación é a estrada N-540, de Lugo a Ourense, que atravesa o seu extremo O. Outras estradas complementarias son as que enlazan a capital municipal con Gustei e Ourense. Pola ribeira do Miño discorre a vía férrea, coa estación dos peares, que enlaza Monforte de Lemos con Vigo.
Historia
Poboados desde o Paleolítico, tamén se testemuñan asentamentos castrexos. Durante a época romana, o territorio beneficiouse da proximidade do trazado da vía Aquas Flavias-Lucus, que unía Lugo con Chaves. Durante o Antigo Réxime o territorio estaba repartido entre as xurisdicións de Armental, señorío de Pedro Losada, o couto redondo de Beacán, rexido polo mosteiro de Ribas de Sil; Peroxa, señorío do conde de Ribadavia, e Vilarrubín, señorío compartido polo bispo de Ourense, o conde de Torre Penela e outros señores laicos. A excesiva carga fiscal imposta sobre os veciños derivou na creación de organizacións agrarias de protesta -especialmente en Graíces e O Souto-, que loitaron pola supresión do sistema foral; aínda así o pago das rendas en especie continuou ata 1920. En 1821 naceron os concellos de Carracedo, A Peroxa e Vilarrubín, dentro do partido xudicial de Ourense. A derrogación (1823) da Constitución de 1812 por parte de Fernando VII supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. En 1835 fusionáronse os tres concellos para crear o da Peroxa; en 1893 incorporouse a parroquia de Mirallos e, en 1956, a dos Peares, ata entón dividida entre catro concellos.
Patrimonio cultural
Ademais dos restos arqueolóxicos de época prerromana, da arquitectura relixiosa destacan as igrexas parroquiais de San Xes da Peroxa, San Salvador de Armental, San Martiño de Vilarrubín e San Vicente de Graíces. Consérvanse as ruínas do castelo medieval (BIC, 1949), diversos pazos como os de Redondelle (San Xes da Peroxa), Ansariz (Armental), Turbisquedo (O Souto) ou Láncara (Graíces), e as casas señoriais da Torre (Graíces), de Souto (Vilarrubín) e de Cinco Nogueiras (BIC, 1949), tamén en Vilarrubín. No concello celébranse as romarías da Virxe da Saúde en Mirallos, a Virxe do Amparo en Carracedo, a Virxe do Rosario en Vilarrubín ou a Virxe das Neves en Graíces. Ademais, todos os días 13 e 27 de cada mes ten lugar unha tradicional feira na Peroxa, coñecida pola degustación de carne ao caldeiro.
Datos de poboación (2007)
| Provincia | OURENSE |
|---|---|
| Comarca | Ourense |
| Extensión | 54 Km2 |
| Poboación Total | 2345 h |
| Poboación Homes | 1127 h |
| Poboación Mulleres | 1218 h |
| Densidade de poboación | 43.43 h/Km2 |