Pescanova, SA
Grupo empresarial do sector alimentario fundado en 1960 en Vigo por Xosé A. Fernández López, en colaboración con Valentín Paz Andrade. A filosofía empresarial, presente desde a súa fundación, baséase na conservación e racionalización das actividades pesqueiras. Naceu coa intención de explotar os caladoiros afastados que non se aproveitaban pola falta de barcos axeitados. Desde o momento da súa creación o grupo desenvolveu unha tecnoloxía inédita e apostou pola calidade dos seus produtos. Iniciou as súas actividades empresariais coa construción dun buque conxelador que foi enviado a Arxentina e ao S de África para coñecer o estado dos caladoiros. A partir de aquí e vendo o volume do negocio e as necesidades do mercado español, construíronse factorías e pesqueiros conxeladores. Foi o primeiro grupo de empresas español e europeo que promoveu a construción e explotación de conxeladores e buques factoría e pioneiro no desenvolvemento da acuicultura. A sede central está en Chapela (Redondela), participa en empresas de 21 países e conta cunha frota pesqueira de 120 barcos, que dá emprego a máis de 3.000 persoas. O grupo está formado por tres grandes divisións: Fishco, que aglutina as empresas relacionadas coa captura; Acuicultura, que agrupa as empresas relacionadas coa acuicultura; e Aliholding, que comprende as empresas de elaboración e comercialización. O grupo tivo que afrontar a falta de hábitos de consumo de produtos conxelados e a ausencia dunha rede de frío nos distribuidores. A actividade da empresa provocou un efecto dinamizador da economía do seu contorno, co que conseguiu reforzar a súa situación no sector. Desde 1998 cotiza na Bolsa de Madrid.