petrarquismo
(< antropónimo F. Petrarca)
Movemento poético que se basea na imitación da lírica de Petrarca, practicamente reducida ao seu Canzoniere, no mundo occidental, especialmente románico, dos ss XIV-XVIII. É un manierismo que bebe das frases, imaxes e versos amorosos de Petrarca, esaxerando o seu preciosismo, as reiteracións e as sutilezas. En Italia ten tres momentos: un primeiro petrarquismo (ss XIV-XV) en que destacou, sobre todo, Serafino Aquilano; un segundo petrarquismo (s XVI), que volveu ao verdadeiro Petrarca e, por obra de Bembo, elevouno á categoría de modelo de poesía (bembismo); e un terceiro petrarquismo da Arcadia, difundido a través dos quiñentistas, especialmente Di Costanzo, que persistiu ata o s XIX, e que se manifestou na obra de Foscolo, Leopardi e Carduci. Fóra de Italia o petrarquismo baseouse en plaxios e paráfrases dos poetas do s XV.