pila
(< lat pīla ‘columna’)
-
-
s
f
[FÍS/QUÍM]
Xerador electroquímico que produce unha tensión continua por acción dunha reacción química, tensión que vai decrecendo a medida que a pila se vai consumindo. Componse, esencialmente, dun electrólito e dous eléctrodos (positivo e negativo), que constitúen un par voltaico, ademais dun despolarizador. A primitiva pila de Volta (1793) estaba formada por unha serie de discos de cobre e cinc dispostos alternativamente e entre os que había unhas pezas de cartón ou trapo empapadas en ácido sulfúrico. Esta pila presentaba o inconveniente de polarizarse, e por iso as posteriores modificacións introducidas deron lugar a diversos tipos de pilas en que se colocaba un despolarizador. A primeira foi a creada por W. R. Grove (1833); en 1836 J. F. Daniell ideou un tipo de pila impolarizable, con dous líquidos e en 1868 apareceu a pila de G. Leclanché, que é a que deu lugar á utilizada actualmente. Tamén cómpre mencionar as chamadas pilas de concentración, baseadas na variación de enerxía libre que ten lugar no transporte dunha substancia desde un sistema de concentración elevada a un de baixa concentración. Existen dous tipos: as pilas de concentración nos eléctrodos, baseadas na variación da concentración dos compoñentes que constitúen os eléctrodos, que poden ser de gases ou de amálgama, e as pilas de concentración no electrólito, en que a forza electromotriz se debe unicamente a unha variación de enerxía libre por un proceso de dilución. Toda estas pilas de electrólito líquido (chamadas pilas líquidas) foron substituídas polas denominadas pilas secas, de electrólito inmobilizado, a maioría das que se basean na de Leclanché ou na perfeccionada por Féry. Nas pilas secas correntes o polo positivo é unha barra de carbón poroso e o negativo é o mesmo recipiente, de cinc. O electrólito é cloruro amónico, e o despolarizador, dióxido de manganeso. A tensión é de 1,5 V. Outra pila seca utilizada é a pila de mercurio, en que o recipiente é o polo positivo, de aceiro, e o negativo é o cinc, situado no centro. Contén ademais cincato potásico, e entre os eléctrodos hai óxido mercúrico e grafito. A tensión, de 1,35 V, mantense durante moito tempo inalterable: son pilas de gran duración. As pilas alcalinas están formadas por un ánodo de cinc de gran superficie, un cátodo de dióxido de manganeso de elevada densidade e un electrólito de hidróxido de potasio. Están encapsuladas nun recipiente hermético de aceiro cun recubrimento de prata nos puntos de contacto dos polos positivo e negativo. A súa tensión nominal, de 1,5 V, mantense durante moito tempo inalterable; tamén son pilas de gran duración e utilízanse sobre todo en xoguetes eléctricos, magnetófonos de casete e aparatos de iluminación de longa duración. As pilas de prata, moi parecidas ás de mercurio, están formadas por un cátodo de óxido de prata, un ánodo de cinc e un electrólito de hidróxido potásico ou sódico. A súa tensión é de 1,55 V. Empréganse nas calculadoras de peto e nos reloxos eléctricos de pulso. As pilas de litio son as que presentan a densidade de enerxía máis alta, a vida útil máis longa e a tensión maior (3 V e 3,5 V). Da súa composición interna non forma parte a auga, o que permite un rendemento a baixas temperaturas moi superior ao doutras pilas. Nas pilas de gas os eléctrodos están impregnados de gas e mergullados nun gas a baixa presión. As pilas de cadmio están constituídas por unha amalgama de sodio (polo negativo), sulfato de cadmio, sulfato mercúrico e mercurio (polo positivo). A súa tensión, de 1,01864 V a 20° C, tómase como definición estándar do volt e utilízase como voltaxe de referencia de moitos circuítos. OBS: Tamén se denomina pila eléctrica, pila galvánica ou pila voltaica.
-
pila de combustible /
[FÍS/QUÍM]
Pila en que hai un combustible (hidróxeno, hidrocarburos) que reacciona como oxidante e converte a enerxía da reacción en enerxía eléctrica.
-
pila patrón /
[FÍS/QUÍM]
Pila concibida para proporcionar unha tensión extraordinariamente constante e destinada a empregarse como patrón de fem (tensión de referencia). É unha pila impolarizable, pero só pode fornecer correntes moi febles e curtas. A máis coñecida é a de Weston, constituída por unha amálgama de cadmio (polo negativo) e mercurio (polo positivo) con sulfato de cadmio como electrólito e sulfato de mercurio como despolarizador. A fem, de 1,0183 V a 20° C, mantense absolutamente constante.
-
pila solar
[TECNOL]
célula solar.
-
pila termoeléctrica
[TECNOL]
Xerador de corrente continua, formado por un ou máis pares termoeléctricos, que converten a enerxía calorífica en eléctrica. Unha das máis utilizadas é a de Melloni.
-
s
f
[FÍS/QUÍM]
-
pila atómica/nuclear
[FÍS]
Nome que recibiron inicialmente os reactores nucleares.