Pinario, San Martiño
Antigo mosteiro situado en Santiago de Compostela. A súa orixe está relacionada cunha comunidade beneditina que se estableceu nas proximidades da igrexa de Santa María da Corticela (actual capela da catedral de Santiago de Compostela), que foi construída a finais do s IX. Esta comunidade tiña a función de custodiar os restos do Apóstolo Santiago. As primeiras referencias documentais da existencia do mosteiro datan do s X, cando o Rei Ordoño II e o bispo Sisnando I ratificaron algunhas das doazóns feitas aos beneditinos. O crecemento da comunidade monástica obrigou á construción dun novo edificio e en 1050 comezaron as obras do templo románico, que non se rematou ata 1112, cando o bispo Xelmírez e o bispo de Ourense, don Diego, consagraron a igrexa. En 1115 Xelmírez confirmou e aumentou as posesións do cenobio, que chegou a ser un dos mosteiros máis ricos de Galicia. Vinculado desde 1498 á congregación de San Bieito de Valladolid, viviu unha etapa de esplendor entre os ss XVII e XVIII coa extensión dos seus dominios territoriais por toda Galicia e León. Coa exclaustración de 1835 as dependencias monásticas empregáronse para outros fins. Ocupáronse como vivendas militares, xulgado e sede do cuartel de Guadalajara. En 1868 trasladouse ata aquí o Seminario Conciliar de San Martiño e desde entón as dependencias acollen diversas institucións e entidades. No s XVI demoleuse o edificio orixinal para comezar a construción do conxunto arquitectónico actual. Mateo López foi o encargado da reconstrución e reforma do templo en estilo neoclásico (1590), ata que en 1626 foi substituído por Bartolomé Fernández Lechuga. As obras duraron desde finais do s XVI ata finais do s XVIII. A igrexa segue o modelo dos templos da Contrarreforma. Ten planta lonxitudinal e unha soa nave cuberta con bóveda de canón con falsos casetóns e seis capelas laterais comunicadas entre si. O acceso ás capelas, que se cobren con bóvedas casetonadas, realízase a través de arcos de medio punto sostidos con muros con pilastras xónicas. O cruceiro foi o lugar de enterramento do templo. A cúpula, obra de B. Fernández Lechuga, eríxese sobre pendentes e está dividida en doce nervios. Non ten tambor e no seu lugar ábrense doce ventás. Na parte posterior concibiuse un ciborio cadrado con balaustrada cuberto cunha bóveda de media laranxa. En 1652 José Peña de Toro reforzouna para evitar un derrubamento. O presbiterio ten a cabeceira recta e é de menor altura ca a nave. En 1685 engadíronse os balcóns laterais, que se abren á nave e ao cruceiro apoiados en ménsulas con decoración vexetal. O coro sitúase na capela maior e realizouno Mateo de Prado. Feito en madeira de nogueira, o cadeirado baixo narra as principais escenas da vida da Virxe María, e o alto presenta, baixo a protección da Virxe, a igrexa militante. O retablo maior, composto de dous corpos e baldaquino, realizouno Fernando de Casas Novoa en 1730, e destaca polo seu carácter dobre: por un lado deseñouse para que fose visto polo pobo desde a parte do cruceiro e por outro para que os monxes, que se situaban no coro, contemplasen a zona posterior. As esculturas son obra de Miguel de Romay. Fernando de Casas tamén realizou en 1742 os retablos do cruceiro, o de San Bieito e o da Virxe. En canto ás capelas do lado dereito, a de Santa Catarina ten un retablo barroco de Xosé Gambino, a da Virxe do Socorro, un retablo camarín deseñado por F. de Casas e realizado por Manuel de Leis, e o retablo da capela de Santa Escolástica realizouno Plácido Camiña e a escultura da santa é obra de X. Ferreiro. Na parte esquerda da igrexa sitúanse as capelas de San Bernaldo, cun retablo de Plácido Camiña e X. Ferreiro, e a de Santa Xertrude, cun retablo barroco de X. Ferreiro, que tamén realizou o do Santo Cristo da Paciencia. As reixas do cruceiro (1730-1733) atribúenselle a Fernando de Casas, mentres que as das capelas laterais son obra de Plácido Camiña. O claustro da portaría ou procesional, que se comezou cara a 1633, está organizado en dúas alturas unidas por columnas emparelladas toscanas que se erguen sobre un alto podio. O corpo inferior organízase en arcos de medio punto e o superior en ventás rectangulares con balcóns, rematadas por unha cornixa de pináculos. A fachada da igrexa deseñouna Mateo López cara a 1597. Estruturada como un retablo pétreo en honor á Virxe María e á orde beneditina realizouse nun estilo entre o plateresco e o barroco compostelán do s XVII. Presenta tres corpos e tres rúas separadas por columnas estriadas. No corpo inferior represéntanse, en cadansúa medalla, a Arón e Moisés e, aos lados da porta, aos apóstolos san Pedro e san Paulo e aos profetas Isaías e Xeremías. No corpo superior aparece a Virxe, flanqueada por san Bieito e san Martiño, e nas rúas laterais san Mauro e san Plácido nun lado, e a san Rosendo e san Pedro de Mezonzo no outro. O terceiro corpo organízase arredor dun van oval cos bustos dos catro evanxelistas e, nas rúas laterais, represéntanse os doutores da Igrexa latina: santo Ambrosio e san Gregorio á dereita, e san Xerome e santo Agostiño á esquerda. A rúa central remata nun frontón triangular con Deus Pai bendicindo na parte central e as laterais nuns pequenos templos semicirculares apoiados sobre unhas bases cos bustos de Daniel, Ecequiel, David e Salomón. O conxunto remata co relevo de san Martiño a cabalo, partindo a súa capa e entregándoa a un pobre. En 1652 Peña de Toro ergueu as torres que, ante a oposición do cabido da catedral, só alcanzaron a altura da fachada. O acceso ao templo realízase a través dunhas escaleiras barrocas de planta elíptica deseñadas por Manuel de los Mártires e realizadas por Plácido Caamiña. A fachada principal do mosteiro, proxectada por Gabriel de las Casas en 1697, caracterízase pola sobriedade decorativa e pola horizontalidade, que se rompe pola organización de dous corpos de planta cadrada situados a xeito de torres aos lados da parte central. Está organizada en tres partes, das que dúas forman un lenzo mural dividido en catro pisos: o inferior de arcadas cegas e os restantes con pilastras toscanas rematadas en pináculos. Na portada destacan as catro columnas dóricas de orde xigante sobre as que se sitúa o entaboamento, rematadas en pináculos. Sobre a porta localízase unha fornela de arco de medio punto coa imaxe de san Bieito. O conxunto remata co escudo de España e cunha estatua ecuestre de san Martiño.