Piñor

Piñor


Concello da comarca do Carballiño, situado na provincia de Ourense no centro-sur da Comunidade Autónoma de Galicia, a 42° 29’ 40” de latitude N e 8° 00’ 30” de lonxitude O. Limita ao N con Dozón, Rodeiro (ambos os dous na comarca de Deza) e San Cristovo de Cea (comarca do Carballiño); ao L e ao S de novo con San Cristovo de Cea; e ao O co Carballiño e O Irixo (ambos os dous da comarca do Carballiño). Abrangue unha superficie de 52,7 km 2 , en que acolle unha poboación de 1.444 h (2007), distribuída nas parroquias de Barrán, A Canda, Carballeda, Coiras, A Corna, Loeda e Torcela. A súa capital está no lugar de Piñor, na parroquia de Barrán, a 82 km de Santiago de Compostela e a 26 km de Ourense. Está adscrito á diocese de Ourense e ao partido xudicial do Carballiño.
Xeografía física
Situado nos contrafortes do tramo meridional da Dorsal Occidental Galega, na súa metade setentrional, seguindo unha disposición L-O e con altitudes comprendidas entre os 700 e 900 m, destaca o monte Cabreiro (939 m) e o val de Egoas (867 m). Da Dorsal Occidental Galega parten dúas pequenas serras con dirección N-S; a serra máis oriental conta con altitudes de entre 700 e 800 m (Penedo das Cuncas, 832 m), mentres que a máis occidental supera os 900 m (monte do Foxiño, 892 m; Pico Seco, 939 m). O sector meridional correspóndese co val do Arenteiro, que se abre progresivamente cara ao S, cunha altitude media de entre 450 e 600 m. Desde o punto de vista climático repártese entre os dominios oceánico de montaña e oceánico continental. No seu réxime termopluviométrico inflúe a súa situación na Dorsal Occidental Galega, a sotavento das masas de aire mariñas. A temperatura media anual é de 11,1°C, cunha media en xaneiro de 5,2°C, 18,2°C en xullo, e unha amplitude térmica extrema que chega aos 25,7°C. A precipitación media anual é de 1.424 mm, cunha distribución estacional que amosa unha forte seca estival co 9% das precipitacións, e un máximo en inverno co 38%, mentres que as estacións de transición presentan valores intermedios, 27% en primavera e 26% en outono. Hidrograficamente, coincide co tramo alto do Arenteiro, que atravesa Piñor de NL a SO, mentres recibe as augas do Asneiros, o Fonte e o Mirela. A vexetación natural quedou limitada ás ribeiras e a algunhas carballeiras de escasa entidade por mor da acción antrópica, ben polos frecuentes lumes, ben polas abusivas repoboacións.
Xeografía humana
O comportamento demográfico de Piñor ata 1940 foi irregular, pero a partir desta data, con maior ou menor intensidade, non deixou de perder habitantes ata o punto de que, en 2001, a súa poboación non chegaba a representar o 40% da que posuía en 1900, ano que coincide co seu máximo demográfico. A primeira década do s XX foi de forte retroceso demográfico, xa que perdeu habitantes entre 1900 e 1910 a razón dun -1,99% interanual; entre 1910 e 1920 iniciou unha fase de moderada recuperación (1,03% interanual), parcialmente compensada por unha suave recesión entre 1920 e 1930 (-0,29% interanual), e de novo recuperada entre 1930 e 1940 (1,51% interanual). A partir de 1940 comezou a perder poboación de xeito continuado, moderadamente entre 1940 e 1950 (-0,74% interanual), a razón dun -1,07% interanual desde 1970 en adiante, e de xeito máis acusado entre 1950 e 1970 (-1,79% interanual). A emigración foi unha constante, o que fixo que as perdas de poboación se prolongasen máis alá do cesamento das correntes emigratorias. En 2006 o saldo vexetativo foi negativo (-17,7‰) pois a natalidade (2‰) é amplamente superada pola mortalidade (19,7‰) o que indica o avellentamento que mostra a estrutura por idades: os menores de 20 anos suman o 8,5% e os de máis de 65 anos o 35%; o gruopo intermedio o 56,5%. Por sexos a composición está equilibrada: 50,41% de mullrees e 48,58% de homes.
Xeografía económica
A taxa de actividade (2001) do concello de Piñor é do 42,1 % ( 51,3% a masculina e 33,1% a feminina); a taxa de ocupación é do 38,2% (45,9% a masculina e 30,8% a feminina) e a taxa de paro sitúase no 9,1% (10,4% a masculina e 7% a feminina). O sector primario aínda mantén un peso destacado, pois abrangue ao 21,8% da poboación ocupada. A superficie cultivada suma o 10,06% do territorio, e nela predomina o cultivo do millo, seguido pola pataca e as forraxes. A industria supón o 27 % da man de obra, e tan só destacan algunhas plantas vinculadas ao sector da madeira. A construción só representa o 10,5% dos activos, que traballan na escasa edificación local ou na veciña vila do Carballiño. Os servizos acadan o 40,7% da man de obra, pero a escasa dotación terciaria do concello forza a moitos dos residentes a desprazarse ás vilas próximas do Carballiño e Lalín. A principal vía de comunicación é a estrada N-525.
Historia
O territorio deste concello sempre estivo escasamente poboado. A Ruta da Prata, vía do Camiño de Santiago, posibilitou a construción de igrexas no concello. Durante o Antigo Réxime as parroquias que conforman Piñor, integradas na provincia de Ourense, pertenceron ás xurisdicións de Amoeiro, señorío do conde de Ribadavia; o couto redondo de Loeda, administrado polo mosteiro de Santa María de Oseira; Oseira, señorío do mosteiro homónimo; e Vilariño de Nogueirol, administrada por Xoán Quiroga e Ramón Mosquera. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a abolición do réxime señorial e a súa substitución por unha administración municipal. Daquela produciuse a creación do concello de Piñor, pertencente ao partido xudicial do Carballiño. En 1823 Fernando VII derrogou a constitución, o que supuxo a supresión destes concellos e a restauración do réxime señorial. A definitiva recuperación do municipalismo produciuse en 1835, coa configuración do concello cos seus límites actuais. Desde entón non coñeceu variacións nos límites parroquiais.
Patrimonio cultural
Destacan pequenas igrexas, como a de San Paio de Loeda e San Xoán de Barrán, o pazo de Legísima, a casa señorial de Reda na Canda (s XVII), o pazo de Vilariño (s XVII) na mesma parroquia, e a ponte medieval sobre o Arenteiro. Das festas que teñen lugar no concello destaca a de San Martiño, que se celebra o 11 de novembro en Piñor.

Datos de poboación (2007)

Provincia OURENSE
Comarca Carballiño, O
Extensión 52 Km2
Poboación Total 1444 h
Poboación Homes 716 h
Poboación Mulleres 728 h
Densidade de poboación 27.77 h/Km2
GoogleMaps :
Mapa : Mapa xeral
Mapa : Mapa xeral 2
Mapa : Mapa parroquias