piollo

piollo

(< lat peducŭlu)

  1. [ANIMAL/ENTOM]
    1. s m

      Insecto de moi pequeno tamaño, pertencente ás ordes dos homópteros, anopluros, psocópteros e malófagos. Na tradición oral recóllense ditos como: “Cando o piollo salta, que farán as pulgas? Piollo resucitado e enfachendado, morre coma un condenado”.

      Sinónimos: pollo.
    2. piollo branco [cast: piojo blanco; ingl: oleander scale] [Aspidiotus nerii, Fam dos diaspídidos]

      Insecto homóptero de cor branca e de aproximadamente 3 mm de lonxitude, moi prolífico e de desenvolvemento rápido, cuxas femias poñen os ovos envoltos nunha cuberta protectora baixo a que ten lugar o desenvolvemento embrionario. Habita nas rexións mediterráneas sobre plantas ornamentais e de cultivo, ocasionando estragos.

    3. piollo común [port: piolho; cast: piojo; ingl: louse] [Pediculus humanus, Fam dos pedicúlidos]

      Anopluro duns 2 mm de lonxitude, co corpo deprimido, de cor amarela escura e cuberto cunha cutícula resistente, aparello bucal perforador-chuchador e patas con moitos pelos acabados nunha unlla. Son animais cosmopolitas e viven parasitos sobre o corpo do home, alimentándose do seu sangue. Distínguense dúas subespecies: P. humanus capitis, que vive na cabeza do home, adherido aos pelos; e P. humanus humanus, piollo do corpo humano que vive nos vestidos do home, especialmente nas zonas das costuras, e que pasa á pel cando quere chuchar sangue. Son moi perigosos, posto que poden transmitir diversas enfermidades. Ademais, o piollo provoca proído e ás veces engrosamento da pel. O mellor remedio é a hixiene, xa que o contaxio se produce por contacto con outra persoa ou con roupa infestada.

    4. piollo dos libros [cast: piojo de los libros; ingl: common booklouse] [Trogium pulsatorium, Fam dos tróxidos]

      Insecto psocóptero duns 3-4 mm de lonxitude, con antenas filiformes moi desenvolvidas, tórax pequeno e sen ás, e abdome grande, que vive entre os libros, herbarios, etc, nutríndose dos fungos que alí viven e da goma con que están enganchadas as follas. Destrúen superficialmente a folla de papel, facendo desaparecer o texto, aínda que se a tinta non é comestible deixan intactas esas zonas.

    5. piollo dos polos [cast: piojo de los pollos; ingl: chiken louse] [Menopon gallinae, Fam dos menopónidos]

      Insecto da orde dos malófagos, duns 4-5 mm de lonxitude, con antenas curtas, aparello bucal mastigador e abdome elíptico. Parasita as galiñas e nútrese de plumas e escamaduras da pel.

    6. piollo negro [cast: piojo negro] [Parlatoria zizyphi, Fam dos diaspídidos]

      Insecto parasito específico das auranáceas, especialmente dos cítricos. O escudo que posúe, adherido con forza ao vexetal, protexe os ovos e dificulta o tratamento con insecticidas.

    7. piollo pato [port: chato, piolho-ladro; cast: ladilla; ingl: crab louse] [Phthirus pubis, Fam dos pedicúlidos]

      Insecto anopluro parasito do home que mide 1,5 mm de lonxitude. Aseméllase ao piollo, pero co corpo máis curto e amplo, cos tres pares de patas provistas de unllas para fixarse ben ao pelo do hospedador. Vive sobre todo na pube e en zonas pilosas, onde se alimenta do sangue do hospedador ao que parasita, aínda que existen casos en que se traslada a outras zonas do corpo. Contáxiase por contacto.

    8. piollo vermello [port: cochonilha cabeça-de-prego; cast: piojo rojo, cochinilla roja; ingl: spanish red scale] [Chrysomphalus dictyospermi, Fam dos diaspídidos]

      Insecto homóptero polífago parasito dos cítricos e dalgunhas plantas ornamentais. É moi sensible aos insecticidas e está considerado como moi prexudicial dado que a súa presenza provoca grandes perdas económicas. As femias presentan un escudo de 2 mm, circular, mentres que no macho é alongado. As larvas instálanse preferentemente no froito.

  2. s m pl [VETER]

    Especie de bóchegas ou verrugas que lles saen ás vacas na lingua. OBS: Tamén se denominan piollos da lingua.

    Sinónimos: pollo.
  3. piollo mariño/de mar [ANIMAL]

    Crustáceo peracárido mariño da orde dos isópodos, de 3 cm, de cor parda escura e que vive parasito externo dos peixes.

Frases feitas

  • Facer como o piollo pola cinsa. Ser incapaz de facer algo, ou facelo moi lentamente.

Refráns

  • Cando os piollos saltan ¡que farán as pulgas!

Palabras veciñas

piollada | piolleira | piollento -ta | piollo | piolloso -sa | piometrio | 1 pión