Pireneos, Tratado dos
Acordo de paz asinado na Illa dos Faisáns, na desembocadura do río Bidasoa, o 7 de novembro de 1659, entre os representantes de Filipe IV -Luis Méndez de Haro e Pedro Coloma-, e os de Luís XIV de Francia -Mazzarino e Hugues de Lionne-, que puxo fin á contenda iniciada entre eles en 1635, durante a Guerra dos Trinta Anos. Como antecedente tivo lugar a Conferencia de Madrid (1656), infrutuosa, onde Francia manifestou que non renunciaría ao Rosellón se non era a cambio de Navarra. En 1658 retomáronse as conversas e, co Pacto de París como base, iniciouse o acordo definitivo o 13 de agosto de 1659. O tratado estipulaba a cesión de Filipe IV a Francia de diversas poboacións de Flandres, Artois (agás Aire e Saint Omer), Hainaut e, ao S, a cesión do Condado do Rosellón e da metade do Condado de Sardeña. Así mesmo, acordouse o matrimonio de Luís XIV con María Tareixa de Austria, filla de Filipe IV.