pirognóstico -ca
(
-
adx
Que é desenvolvido pola calor.
-
ensaio pirognóstico
[QUÍM]
Denominación de diversos tipos de ensaios efectuados por vía seca, nos que se estudan as propiedades dos anións e catións desenvolvidos pola calor en presenza dun reactivo ou soporte axeitado. Para levalos a cabo, emprégase xeralmente a chama dun queimador Bunsen. Os ensaios máis correntes son aqueles que se efectúan sobre carbón vexetal, fío de platino, fío de cobre, os diversos tipos de ensaio á perla e os efectuados en tubo de ensaio pechado ou aberto. Os realizados sobre carbón vexetal teñen lugar colocando unha mostra da substancia problema, mesturada ou non con carbonato sódico anhidro, nunha cavidade de carbón vexetal e queimándoa cunha chama oxidante ou redutora. Obtense información da mostra a través dos procesos de deflagración, decrepitación, formación de bólas metálicas e emanación de auréolas de óxidos volátiles. Os ensaios sobre fío de platino efectúanse dispoñendo na punta deste unha mostra da substancia problema humedecida con ácido clorhídrico e introducindo o extremo do fío na base da chama. De acordo coa coloración desta, pode deducirse a presenza de diversos catións. O ensaio con fío de cobre permite identificar a presenza dos haloxenuros. Nos ensaios en tubo pechado, pódense observar cambios de cor, fusións, volatilizacións, sublimacións, e disociacións, mentres que os procesos de oxidación quedan practicamente eliminados. Os ensaios en tubo aberto permiten, coa axuda do osíxeno que circula polo seu interior, detectar desprendementos de gases pestilentes e sublimacións.