pirómetro
(< piro- +- 1 metro)
Instrumento que se emprega para medir temperaturas elevadas, baseado en calquera dos fenómenos variables que dependen da temperatura. Entre estes fenómenos cabe destacar a variación de lonxitude dun sólido, ben sexa unha dilatación (pirómetro de cuadrante), ben unha contracción (antigo pirómetro de Wedgwood), a dilatación dos líquidos, a fusión dalgunha substancia (conos de Seger), os fenómenos calorimétricos, a variación da resistencia eléctrica dun condutor (pirómetro de resistencia de Siemens), a intensidade dunha corrente eléctrica xerada ao quentar a soldadura dun par termoeléctrico (pirómetro de Le Chatelier), e a variación da intensidade da cor das radiacións emitidas por un corpo (pirómetro monocromático e pirómetro de radiación total).