plancto

plancto

(< grπλαγκτόν ‘o que vai errante’)

  1. s m [ECOL]

    Comunidade biótica formada por todos aqueles organismos que se atopan en suspensión no seo de augas doces ou salgadas. A suspensión dos organismos planctónicos conséguese mediante o movemento ou ben reducindo a densidade por medio de cámaras ou burbullas de gas, aumentando as superficies de contacto coa auga, pero, sobre todo realízase grazas á multiplicación das especies, que ademais axuda á perda suplementaria e constante de biomasa por sedimentación. Ten características de comunidade pouco madura: organismos de vida curta, moi prolíficos e pouco especializados, e formas de alimentación automáticas. A estratificación vertical do plancto relaciónase cunha distribución non uniforme da intensidade de luz, concentración de elementos nutritivos, turbulencia e existencia de descontinuidades de tipos da termoclina e da superficie da auga. O fitoplancto, ou plancto vexetal, proporciona enerxía solar ao ecosistema e concentra nos seus tecidos materia orgánica (fotosíntese), que é a forza nutritiva que incorporará o zooplancto, ou plancto animal. Dos elementos de menores dimensións dependen os outros organismos máis ou menos corpulentos. A produción primaria do mar débese ao funcionalismo de boa parte dos individuos planctónicos. O mesoplancto está constituído por organismos que soamente duran unha parte do seu ciclo formando parte do verdadeiro plancto, tamén denominado holoplancto. Diversas formas de plancto teñen interese como fonte de novas proteínas para a alimentación humana e para pensos.

  2. plancto de penumbra [BIOL]

    cnefoplancto.